+034 986 09 02 04 Luns 20 de Maio de 2019

A Concelleira Cristina Fernández participou na Asemblea do Fondo Galego de Cooperación en Santiago


Presentouse o Plan de actividades para para este ano e as edís que viaxaron a Mozambique compartiron a súa experiencia e coñecementos adquiridos
Cristina Fernández Davila, concelleira de Ensino e Participación Cidadá de Ponteareas, participou este mércores 15 de marzo en Santiago de Compostela na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello. Na xuntanza, na sede da Fegamp, someteuse a aprobación o Plan de actividades para 2017 e tres das edís que participaron no intercambio de experiencias en Mozambique compartiron as súas aprendizaxes.
As 3 concelleiras de Lugo, Moaña, e mais San Sadurniño, que participaron no intercambio expuxeron os resultados da visita, na que asistiron ao encontro da Rede de Mulleres Autarcas de Mozambique. Porén, tamén tiveron a oportunidade de coñecer o funcionamento do municipio de Mandlakaze da man da súa alcaldesa, María Helena Correia, ou de supervisar o proxecto a prol da saúde infantil e materna financiado á Fundação Encontro.
“A información compartida por parte das concelleiras galegas, fainos ter unha visión diferente das actuacións desenvolvidas, neste caso en Mozambique, ao mesmo tempo que imprime transparencia na xestión do Fondo Galego”. “Tan importante é visitar administracións locais doutras culturas, como que os políticos destas visiten as galegas. A aprendizaxe será recíproca”, comentou Cristina Fernández.
No entanto, a Asemblea Xeral abriuse ofrecendo o habitual informe de situación do Fondo Galego, aprobouse o balance económico de 2016. Para rematar, presentouse tanto a planificación coma o orzamento previsto para o presente exercicio, no que a entidade cumpre dúas décadas de andaina.
Deste xeito, o Plan de actividades 2017, titulado “20 Anos a Fondo coa Solidariedade”, inclúe accións de fortalecemento, de sensibilización fronte as desigualdades, de cooperación internacional e de comunicación. Ampliar o número de administracións socias, incrementar a participación e o recoñecemento ou visualizar o rigor e a transparencia na xestión son algúns dos obxectivos que contempla. Entre as novas actividades, destacan un obradoiro teatral para reflexionar sobre xénero, a exposición arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, o espectáculo de clown sobre fronteiras e refuxio ou a propia conmemoración do vixésimo aniversario.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Deja un comentario