+034 986 09 02 04 Venres 19 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación instalará sete redutores de velocidade no cruce das estradas provinciais que levan á escola unitaria da Gándara en Cuntis


 

O deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez confirmou hoxe ao alcalde que as obras, de 19.264 euros, están na última fase de contratación

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe en Cuntis a inminente contratación dun paquete de obras na intersección das dúas estradas provinciais que se cruzan no municipio: a EP-8404 entre Piñeiro-Arcos e a EP-8403 entre Cuntis- Alto da Cruz. Este cruce, situado nas inmediacións da escola unitaria de A Gándara na parroquia de Arcos, contará en breve con sete redutores físicos de velocidade (RFVV) e unha ‘zona 30’ que terán como resultado un calmado do tráfico e unha maior seguranza viaria para todos os usuarios da vía, tanto vehículos como peóns.

O responsable de Mobilidade explicou a actuación hoxe ao alcalde Manuel Campos. Indicou que, dado que é habitual que os coches circulen a moita velocidade pola zona -a pesares das advertencias de que hai un centro escolar nas inmediacións-, a fórmula máis acaída para solucionar a falta de seguranza viaria é obrigar aos condutores a moderar a velocidade dos seus coches non só con sinais que marquen un límite máis baixo, senón tamén con elementos físicos “que obrigan a frear queiran ou non queiran para non danar o seu vehículo”.

Segundo dixo Benítez, as obras serán inminentes, xa que a Deputación está a ultimar o procedemento de contratación. Así, os sete redutores e a nova sinalización estarán instalados probablemente antes do verán, xa que o prazo de execución dos traballos é dun mes.

Por outra parte, o deputado de Mobilidade tamén anunciou o futuro acondicionamento da Rúa A Palma, no núcleo urbano. Segundo indicou, a expensas do acordo ao que se chegue co Concello, esta rúa –sobre todo no treito inicial de 400 metros antes da ponte- precisa unha actuación de mellora, xa que está presenta claros signos de deterioro polo seu importante tránsito: leva ao colexio, ao pavillón deportivo, ao cemiterio, á comandancia da Garda Civil, e ao xacemento de Castro Landín. “Entendemos que podemos facer unha actuación de mellora, con calmado de tráfico e acondicionamento da plataforma. Haberá que estudar como se fai o convenio co concello para poder mellorar tamén as beirarrúas e pechar un acordo”, subliñou Benítez.
Esta actuación na Rúa A Palma (EP-8402 entre Cuntis-Cequeril) podería ir acompañada da cesión da titularidade por parte da Deputación ao Concello do treito máis urbano, xa que vía ten unha lonxitude total de 8,1 quilómetros.

No encontro entre o deputado Benítez e o rexedor de Cuntis estiveron tamén o novo xefe de servizo provincial de Mobilidade, Francisco Alonso, e o asesor de Mobilidade, Jesús Fole.

Deja un comentario