+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

O BNG pediu un préstamo para financiar inversións que finalmente non acometeu


 “O 2016, o peor ano económico para Pontevedra dos últimos 17”, denuncian os populares

Un novo capítulo da completa falta de xestión deixa en evidencia ao Goberno do BNG. O préstamo que figuraba nos Orzamentos do ano 2016 destinado a financiar Inversións nese mesmo período, acabou na súa meirande parte formando parte do Remanente de Tesourería do Concello de Pontevedra.
Así o denunciaron hoxe os populares que o consideran “unha clara mostra da incapacidade absoluta do BNG á hora de xestionar os cartos de todos os pontevedreses”. O concelleiro popular, César Abal, destacou este venres que “esta é quizais a meirande mostra da caótica xestión na que está sumida o noso Concello”, xa que “solicitar un préstamo aos bancos para financiar inversións que non podían esperar e que acabe ao finalizar o ano na partida de Remanente é algo que non se vira nunca e que debe facer reflexionar seriamente ao BNG de Lores”, engadiu.
“O 2016 para o BNG é o peor ano con diferenza dos 17 que leva no Goberno de Pontevedra: un ano perdido, con todos os contratos que tiñan que elaborar prorrogados, coas obras paralizadas ou sen facer e cun superávit histórico de 5.580.490,63€”, manifestou o edil popular.
“O Goberno do BNG regala os cartos de todos os veciños de Pontevedra aos bancos grazas á brillante xestión do concelleiro nacionalista Raimundo González”, ironizou Abal, “este préstamo de 2,6 millóns de euros adxudicouse a un interese de Euribor +0.95. Destes cartos que pediron utilizaron menos da metade (1,1 millóns) e o resto pasou a formar parte do Remanente”, puntualizou o concelleiro popular quen lamenta que “o descontrol do BNG obrigue a pagar aos bancos uns intereses por uns cartos que non tiveron ningunha finalidade”.

Deja un comentario