+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018

Luceiro, o lobo mariño rescatado en San Andrés de Teixido, inicia o seu regreso ao mar tras unha exitosa recuperación no IGAFA


Esta cría de lobo mariño cincento embarcará mañá no pesqueiro Ferreira Martínez de Marín con rumbo ao mar de Irlanda, onde será depositada 

A cría de lobo mariño cincento rescatada fronte a San Andrés de Teixido en decembro de 2016 inicia mañá o seu regreso ao mar logo dunha boa recuperación, primeiro, no centro da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma), en Nigrán, e, posteriormente, no Instituto Galego de Estudos de Acuicultura (IGAFA), da Illa de Arousa.

Este exemplar de lobo mariño cincento embarcará ás nove e media da mañá no pesqueiro Ferreira Martínez, no Porto de Marín, con rumbo ao mar de Irlanda, onde será depositada. Previamente, o animal será trasladado dende o IGAFA, na Illa de Arousa -onde afrontou a última etapa da súa recuperación-, nunha unidade móbil da Cemma ata o porto de Marín.

Durante a singradura, Luceiro disporá de todo o necesario para chegar ao seu destino en óptimas condicións. Así, o pesqueiro conta cun depósito de auga salgada, que o animal poderá utilizar, e a comida suficiente para afrontar as horas da viaxe.

Luceiro, que toma o seu nome do barco que o rescatou na costa fronte a San Andrés de Teixido, comeza, así, a volta ao seu hábitat natural despois dun proceso de recuperación repartido entre o centro veterinario co que conta a CEMMA en Nigrán e o IGAFA, na Illa de Arousa, ao que foi trasladado o día 9 de febreiro. Neste período de tempo, foi necesario tratar ao animal das feridas da cabeza e das aletas que presentaba cando foi recollido. Tamén se lle ensinou a comer e a pescar por si só, a coller destreza para entrar e saír da auga, gañar peso (ata os 33,5 kg actuais) e musculatura.

Cómpre lembrar que este exemplar foi rescatado o pasado 5 de decembro de 2016 tras quedar atrapado nos aparellos do barco. Tres meses meses despois volve ao mar xa totalmente recuperado e nas mellores condicións para reingresar no seu medio natural.

Deja un comentario