+034 986 09 02 04 Mércores 22 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación reordenará a praza de San Amaro en Barro para garantir a seguranza viaria e dignificar o seu valor patrimonial


 

O deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez confirmou hoxe ao alcalde que se construirá tamén unha senda peonil ao longo de toda a EP-0508 en colaboración coa Dirección Xeral de Turismo
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe que a Deputación redactará un proxecto para garantir a seguranza viaria e dignificar o valor patrimonial da Praza de San Amaro, situada na traza da estrada provincial EP-0508, que coincide co Camiño Portugués a Santiago no Concello de Barro. Así mesmo, o nacionalista confirmou que se habilitará unha nova senda peonil para permitir unha mobilidade peonil segura aos peregrinos e á veciñanza en toda a lonxitude da vía.

O pasado mes de decembro Benítez e o alcalde mantiveran unha xuntanza para falar dunha posible actuación na estrada, xa que o percorrido de toda a vía provincial está en malas condicións e representa un perigo para os que circulan por ela tanto en coche como andando. Dende ese encontro a Deputación redactou unha memoria valorada para un proxecto de mellora. Así mesmo, o deputado de Mobilidade mantivo un encontro coa directora xeral de Turismo, Nava Castro, coa finalidade de chegar a un acordo entre as dúas institucións implicadas na estrada (unha pola titularidade e outra pola obriga de manter a seguridade para o tránsito de peregrinos a Santiago) para executar unha actuación coordinada.

Segundo explicou Benítez, a directora xeral mostrou a súa disposición a incluír unha senda peonil na estrada provincial no Plan de Actuacións que a Xunta vai executar no 2018 nos diferentes camiños a Santiago. En calquera caso, segundo dixo Benítez, a representante do goberno autonómico explicou que non podía financiar ningunha actuación no contorno da praza de San Amaro porque “supoñía unha tipoloxía de actuación que non encaixa nas previsións da Xunta. A senda si, pero a praza non”. Ante esta situación, a Deputación agradeceu a boa disposición e interese da Xunta para executar a senda e comezou a valorar a posibilidade de realizar por iniciativa propia un proxecto para a praza.

Así, no día de hoxe, Benítez confirmou ao alcalde de Barro que a Deputación realizará de xeito inminente un proxecto para posta en valor da praza de San Amaro. “É importante actuar tendo en conta o tráfico de peregrinos que hai, o uso por parte da veciñanza, así como o seu valor patrimonial, xa que aí se atopa a capela de San Amaro. Queremos que sexa un lugar singular tendo en conta que estamos no Camiño Portugués que cada vez está máis frecuentado por peregrinos. Queremos dignificar este lugar e darlle valor”, indicou Benítez.

O alcalde de Barro, pola súa banda, agradeceu a disposición do deputado de Mobilidade a actuar para mellorar unha estrada tan transitada e lembrou que “tan pronto lle expliquei a problemática que tiñamos aquí preocupouse pola situación e púxose de forma inmediata a traballar”.

Abraldes engadiu que “cando os peregrinos chegan ao concello de Barro o primeiro que se atopan é a praza de San Amaro, polo que mellorar a seguranza viaria e poñer en valor o seu patrimonio para que sexa un sitio acolledor, ben tratado e totalmente rehabilitado, pensamos que é unha boa tarxeta de visita”. En canto ao problema de seguridade viaria no resto da vía, o rexedor lembrou que “os peregrinos non son conscientes do perigo que supón convivir co tráfico rodado”, polo que “a solución da senda falada coa directora xeral vai ser un tratamento como merece esta vía provincial que coincide co camiño de Santiago ao seu paso polo noso concello”.

Deja un comentario