+034 986 09 02 04 Mércores 22 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O ‘Xogo da miñoca’ serve aos escolares do CEIP Noalla Telleiro para saber máis da compostaxe


Máis de 130 escolares do centro pasaron xa polos obradoiros organizados pola Deputación e o CEIDA

Rapaces e rapazas do primeiro ciclo de Primaria do Colexio Noalla Telleiro de Sanxenxo participaron nunha xornada de obradoiros da man da Deputación. Os 35 pequenos e pequenas participaron no ‘Xogo da miñoca’, no que coñeceron ao colémbolo, un verme que se ten convertido na mascota educativa do Plan Revitaliza da Deputación.

A xornada para saber máis da compostaxe estivo protagonizada por unha variación do xogo da oca na que as nenas e nenos, formando equipos, tiveron que pasar unha serie de probas e preguntas (sobre que tipo de elementos se poden botar na composteira, como se produce a conversión do lixo en compost, ou que técnicas hai que aplicar para chegar a ter un bo compost). Polo medio da proba houbo que buscar solución a accións negativas para a compostaxe, como son a aportación de pintura ou medicamentos á composteira, esquecer pechar a tapa desta, que provocaban que no xogo se atrasasen casiñas ou pasasen xogadas sen tirar.

Con esta actividade, xa son máis de 130 os rapaces do centro que pasaron polos obradoiros organizados pola institución provincial. O colexio, ademais da dos xogo tamén participaron noutras xornadas como ‘Quen vive aí?’ (sobre os vermes do composteiro), ‘Poñendo en marcha o composteiro’ ou ‘’A voltas coa compostaxe’ dirixidos a outras idades do alumnado. Este programa educativo que están a levar adiante a Deputación realízase xunto con monitores do Centro de Información e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) mediante un convenio dentro do Plan Revitaliza, e vai dirixido ao alumnado de Primaria e Secundaria dos centros próximos aos composteiros comunitarios implantados pola institución provincial, como ocorre con Sanxenxo.

De feito, a vindeira semana esta iniciativa chegará a outros 168 alumnos do CEIP A Florida. Alí xa está instalada unha exposición itinerante na que se explican moitas cuestións sobre compostaxe de xeito sinxelo.

A Deputación de Pontevedra, co Plan Revitaliza, está a facer unha aposta clara pola colaboración cos concellos na posta en marcha de plantas de tratamento biolóxico e polo impulso da compostaxe, tanto a escala individual como comunitaria e comarcal.

Deja un comentario