+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Escolares do CEIP as Bizocas de O Grove descubren a ‘vida interior’ dos centros de compostaxe


Os nenos e nenas de Primaria estudiaron os diferentes bichos grazas a capturadores e lentes de aumento

‘Quen vive aí?’ foi o título da actividade organizada pola Deputación dentro do Plan Revitaliza na que participaron os alumnos e alumnas do CEIP As Bizocas de O Grove. As pequenas e os pequenos (de 1º a 6º de Primaria) descubriron a ‘vida interior’ dos composteiros identificando os invertebrados que habitan nos centros de compostaxe e que participan activamente na descomposición dos restos orgánicos, sendo parte fundamental do proceso para obter o compost.

Esta actividade de identificar os vermes realizouse analizando diferentes mostras de compost (en varios estados de maduración) que os monitores achegaron ata o centro. Alí, os nenos e nenas puideron estudar facilmente os distintos tipos de bichos coa axuda de sinxelos capturadores de fauna –collendo eles mesmos os animais-, e observándoos con material de aumento e chaves dicotómicas.

As e os escolares de todo o colexio tamén participarán o vindeiro día 27 deste mes nunha visita a un centro de compostaxe comunitario que a Deputación ten instalado no Concello do Grove, onde verán de primeira man o que xa estudaron nas aulas. Será a culminación de varias semanas de traballo sobre a compostaxe, xa que no colexio, tamén participou noutras xornadas como ‘Xogos sobre residuos’, ‘Poñendo en marcha o composteiro’ ou ‘A voltas coa compostaxe’ dirixidos a outras idades do alumnado. Este programa educativo que están a levar adiante a Deputación, realízase xunto con monitores do Centro de Información e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) mediante un convenio dentro do Plan Revitaliza, e vai dirixido ao alumnado de Primaria e Secundaria dos centros próximos aos composteiros comunitarios implantados pola institución provincial, como ocorre en O Grove.

A intención destes obradoiros é concienciar ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.
A Deputación de Pontevedra, co Plan Revitaliza, está a facer unha aposta clara pola colaboración cos concellos na posta en marcha de centros comunitarios de tratamento biolóxico e polo impulso da compostaxe como sistema de xestión de lixo.

Deja un comentario