+034 986 09 02 04 Mércores 18 de Xullo de 2018

O equipo de rally JKN Competición enche de luz e son a fin de semana de Ponte Caldelas


O equipo presentou o seu novo coche cunha gran festa no pavillón, á que asistiron máis 200 afeccionados
O pavillón de Ponte Caldelas acolleu esta fin de semana a presentación do equipo JKN Competición, formado por José Manuel Baqueiro (piloto) e Marcos Díaz (copiloto). O equipo caldelán aposta forte para esta temporada cun novo coche que é quen de desenvolver preto de 200 cabalos.
O acto foi todo un evento na capital do Verdugo, pois consistiu nunha cea e un espectáculo de luz e son. Á presentación asistiron máis de 200 persoas, das que en torno á metade participaron a continuación na cea organizada polo equipo. A troula prolongouse ata pasadas as 2 da madrugada. Entre o público estaba o alcalde, Andrés Díaz.
A organización sorteou un curso de condución da escola PTC e asegurouse de que todos os asistentes gozaran dunha boa festa, onde a animación estivo a cargo Pablo Méndez Performance & Robot 3.0 e un DJ. Un espectáculo de luz e son que fixo as delicias de todos. Ao mesmo tempo, houbo ocasión de adquirir camisetas e gorras do equipo especialmente deseñadas para ocasión.
O equipo JKN xurdiu no ano 2014 no marco do rally Rías Baixas, no que participou a modo de “experiencia piloto” cun Citroen ZX. Nestes tres anos logrou consolidarse no panorama do motor galego e agora dá o salto de calidade poñendo na estrada un vehículo baseado no Ford Escort MK1 de 1968 que combina versatilidade e potencia.
En opinión de Marcos Díaz estamos “diante dun coche puro de rally e con magníficas prestacións no que levabamos tempo traballando”. A intención é comezar a rodalo este ano para xa o próximo incrementar o nivel de esixencia. Así, nesta nova etapa, o equipo caldelán participará en dúas probas do Campionato de España de Rallys, en tres ou catro do Galego e realizará, ao completo o Campionato Galego de Rally de Montaña, un calendario no que, dende o ano pasado, está incluída Ponte Caldelas.

Deja un comentario