+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O alumnado do CEIP valle inclán de O Grove, ‘A voltas coa compostaxe’


Escolares do centro realizaron hoxe un obradoiro e visitarán o composteiro comunitario da vila este venres

O alumnado do CEIP Valle Inclán de O Grove é un dos 16 centros escolares da provincia que nas últimas semas está ‘A voltas coa compostaxe’. Este título dun dos obradoiros da Deputación resume o traballo feito no centro educativo, onde os nenos e nenas do centro participaron en diferentes actividades co fin de aprender como xestionar o lixo orgánico de xeito ambientalmente sostible.

Hoxe foi a quenda do obradoiro ‘Quen vive aí?’. Con el pequenas e pequenos descubriron a ‘vida interior’ que hai nos composteiros tanto individuais como comunitarios identificando os invertebrados que participan activamente no proceso para obter o compost: coñeceron os distintos tipos de bichos colléndoos eles mesmos e observándoos con material de aumento.

O alumnado do colexio tamén participará o vindeiro venres mes nunha visita ao centro de compostaxe comunitario que a Deputación ten instalado no Concello do Grove, onde verán de primeira man o que xa descubriron nas aulas.

Será a culminación do traballo sobre compostaxe realizado no centro dende o mes de febreiro. Primeiro os profesores participaron nunha xornada de formación para docentes e despois, grazas aos monitores do CEIDA, os nenos tiraron proveito das actividades denominadas ‘Xogos sobre residuos’, ‘Poñendo en marcha o composteiro’ ou ‘A voltas coa compostaxe’ dirixidos diferentes idades.

A intención destes obradoiros (que a Deputación realiza ao abeiro do Plan Revitaliza co Centro de Información e Divulgación Ambiental de Galicia –CEIDA-) é concienciar ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

A Deputación de Pontevedra, co Plan Revitaliza, está a facer unha aposta clara pola colaboración cos concellos na posta en marcha de centros comunitarios de tratamento biolóxico e polo impulso da compostaxe como sistema de xestión de lixo.

Deja un comentario