+034 986 09 02 04 Luns 09 de Decembro de 2019

O concello de Bueu celebrou este martes o Consello Escolar Municipal


Na reunión falouse sobre as melloras que o Concello vai acometer proximamente nos centros educativos, da problemática do amianto e do seguemento do Plan de Absentismo Escolar
O salón de plenos foi onte escenario do Consello Escolar Municipal, órgano de participación veciñal presidido polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, e a concelleira de educación, Teresa López, e no que estiveron presentes as ANPAS e directivos dos centros educativos, ademais do representante das asociacións de Bueu e o técnico de cultura.
Neste órgano, o alcalde deu conta dos principais proxectos de melloras que o Concello vai acometer nalgúns dos centros educativos. Tal é o caso da reforma da reparación do inmoble do Centro Infantil de A Pedra, que se realizará con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra. A obra consiste na reparación da fachada e na humanización do patio, substituíndo parte do asfalto por terra vexetal para a plantación de árbores, ademais do reasfaltado da parte restante para mellorar o acabado que agora é moi abrasivo e dificulta a realización de actividades deportivas. A mellora tamén prevé o desprazamento da porta de entrada, coa que se ampliará a zona de agarda para os pais, nais e demais persoas, e que relanzará a senda do río Bispo nese espazo.
Félix Juncal salientou o compromiso do Concello cos centros educativos do municipio, e declarou que “agardo que estas melloras leven á Consellería de Educación a acometer unhas obras de maior calado”. Tal é o caso do cambio da cuberta no CEIP Montemogos de Beluso, que vén sendo unha demanda constante tanto da directiva como da Asociación de Nais e Pais, que onte pediron ao Concello que actúe diante da Consellería para reforzar esta petición.
Tamén se puxo enriba da mesa o proxecto de humanización da rúa A Pedra, no que se vai dar prioridade á seguridade da cidadanía nun lugar no que conflúen moitos edificios públicos, entre eles dous institutos e un colexio de primaria. Juncal apuntou que, aínda que se van suprimir as prazas de aparcadoiro do vial, o Concello xa dispón dunha parcela próxima coa que se ofertarán ata noventa prazas novas.
No caso de Cela, deuse conta do proxecto que o goberno local agarda levar a cabo nos vindeiros meses: o pavillón polideportivo, que permitiría incrementar os espazos públicos para a organización de actividades deportivas, aínda que estaría destinado en primeira instancia para o CEIP A Torre de Cela.
Por outra banda, a presenza do amianto nas cubertas dalgúns centros educativos, caso de Cela, foi outro dos temas da orde do día do Consello Escolar celebrado este martes. Este material contaminante ten aínda unha gran presenza no CEIP A Torre, tal e como se manifesta no informe do arquitecto técnico municipal que se puxo enriba da mesa. Neste sentido, o alcalde comprometeuse a enviar á Consellería un escrito para pedir a substitución do mesmo.
Por último, os asistentes fixeron unha radiografía do Plan de Absentismo Escolar, e comprometéronse a actuar conxuntamente o Concello e os centros educativos para atallar as problemáticas que se produzan.

Deja un comentario