+034 986 09 02 04 Luns 10 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

168 rapaces e rapazas do CEIP Florida de Sanxenxo coñecen que é a compostaxe nos obradoiros da Deputación


Os escolares participarán porán en marcha un composteiro e visitarán o centro de compostaxe instalado pola Deputación

Os 168 rapaces e rapazas de Educación Primaria do CEIP A Florida de Sanxenxo participarán estes días e tamén no mes de abril nos obradoiros organizados pola Deputación para aprender de xeito lúdico en que consiste a compostaxe. Este mércores os primeiros grupos realizaron varias charlas, así como sesións de xogos nas que descubriron como se debe tratar a fracción orgánica do lixo que se xera nos fogares.

Para os alumnos máis maiores (118) foi a charla ‘A voltas coa compostaxe’, un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais. Os máis pequenos (1º e 2º) participaron nos diferentes xogos programados, entre os que destacou o ‘Xogo da miñoca’, unha variación xigante da oca na que, formando equipos sentados no chan, resolveron preguntas sobre como acadar un bo compost. Os vindeiros 27 e 28 deste mes, todos os rapaces e rapazas porán en marcha un composteiro, xa no mes de abril participarán nos obradoiros de ‘Quen vive aí?’ sobre os bichos que están implicados na compostaxe e, finalmente, o 27 de abril, realizarán unha visita ao centro de compostaxe comunitario que a Deputación instalou en Sanxenxo.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades escolares da man dos monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro do Plan Revitaliza. O obxectivo é concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

A Deputación, de feito, está a traballar no no Plan Revitaliza potenciando a compostaxe como sistema de xestión alternativo para o lixo orgánico. Ata o de agora repartíronse composteiros comunitarios entre varios concellos de xeito demostrativo que están a funcionar con éxito. En breve empezarán a instalarse outros grazas nos concellos adheridos á segunda fase do Plan. Esta cambiará a contenerización actual do lixo e posibilitará que, de forma sistemática, todos os orgánicos vaian ao composteiro e o resto ao colector amarelo de envases, ao azul de papel e ao verde de vidro, eliminando así o colector verde.

Deja un comentario