+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra destina preto de 465.000 € do “Plan Concellos 2017” a nove vilas da provincia para gastos correntes e actividades


 

Arbo, Baiona, Cangas, Covelo, Gondomar, A Lama, Mondariz-Balneario, Mos e Ponteareas son os beneficiarios desta achega da institución provincial ao abeiro da liña 2 do Plan

A Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar unha nova concesión, no marco da liña 2 do “Plan Concellos 2017”, para a amortización, pagamento de débedas e gasto corrente así como outros derivados da realización de actividades culturais, deportivas ou sociais. Esta nova achega aprobada ten un valor de 463.655,84 € que serán destinados a nove concellos da provincia de Pontevedra: Arbo, Baiona, Cangas, Covelo, Gondomar, A Lama, Mondariz-Balneario, Mos e Ponteareas.

En concreto, Arbo recibirá 34.995,60 € para o pagamento de débedas, Baiona 40.000 € para a Festa da Arribada 2017, Cangas 163.353,49 € para o tratamento de residuos urbanos, Covelo un total de 6.766 € para proxectos educativos, a Escola de Verán, actividades de Nadal e formación en materia de hortas ecolóxicas ou Gondomar outros 2.407,65 € destinados á súa Aula de Teatro. Ademais, A Lama recibe 30.000 € para o Entroido, a Semana Cultural e a Festa do Codillo, Mondariz-Balneario 1.823,64 € para o Cine na Rúa, Ponteareas destinará dúas achegas por importe de 43.417,70 € en total que empregará para sufragar os gastos das estacións de bombeo de augas residuais e en materia de asistencia para a contratación e Mos recibirá 140.891,76 € destinados ao servizo de recollida e transporte dos residuos urbanos e para a limpeza viaria.

Con esta nova relación de axudas, a Deputación de Pontevedra xa leva investidos máis dun millón de euros (1.078.597,10 €) en 19 concellos da provincia ao abeiro da liña 2 do “Plan Concellos 2017”. As vilas beneficiarias das axudas aprobadas nesta Xunta de Goberno súmanse deste xeito a Agolada, Catoira, Forcarei, Fornelos de Montes, Moraña, Poio, Portas, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Este ano a achega total á liña 2 do Plan Concellos 2017 está situada en 6.180.000 €, o que supón o 15% da totalidade do Plan que, neste exercicio, conta cun orzamento de 41,2 millóns de euros, isto é, un 3% máis que o ano pasado.

Deja un comentario