+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

O alcalde de Ponte Caldelas e membros da corporación asisten á X Festa da Cacheira de Forzáns


Esta exaltación dos produtos galegos de calidade chega á súa décima edición batendo récord de participación e público

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, os concelleiros do PPdeG Inés Sánchez e Ricardo Castro e os do BNG, Lito Muíños e Manuel Barreiro, asistiron á X Festa da Cacheira organizada pola Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns no Centro Sociocultural desta parroquia pontecaldelá.

Este ano a celebración coincidiu o sexto aniversario da inauguración do novo edificio do Centro Sociocultural e contou con récord de participación e público asistente xa que os veciños aproveitan esta celebración para manter un encontro familiar e degustar produtos galegos de calidade relacionados coa gastronomía tradicional galega desta época do ano.

Ademais de cacheira, o cocido servido e preparado polos socios e socias da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns estivo acompañado de carne de tenreira de primeira calidade, costela de porco, xamón, touciño, chourizos de carne e ceboleiros, patacas, verdura e repolo.

O xantar estivo regado con viños da casa, na súa variedade tinto e branco, que contribuíron a unha maridaxe extraordinaria digna de admiración dos comensais presentes que abarrotaron por completo, un ano máis, o aforo do Centro Sociocultural de Forzáns.

Despois da sobremesa e o café, os asistentes gozaron dunha sesión de baile amenizada polo dúo musical “Oro Negro”.

AGRADECEMENTOS Á CORPORACIÓN MUNICIPAL E AO EQUIPO DE GOBERNO

Os veciños aproveitaron a presenza do alcalde, Andrés Díaz, para agradecerlle a reparación das goteiras do Centro Sociocultural, tamén do arranxo das xanelas e a dotación de “pellets” para a estufa. Tamén agradecéronlle ao equipo de goberno a inclusión de Forzáns no circuito de actuacións da Coral Valdarrosa e das sesións de “couching” organizadas polo Concello. Asimismo pedíronlle ao rexidor que colabore coa Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns coa representación de varias obras de teatro que terán lugar no Centro Cultural e tamén recordáronlle que se interesara polo equipo de son que retirou o Concello para a súa reparación hai xa un tempo.

Tanto Andrés Díaz como tódolos concelleiros asistentes ao evento felicitaron á Asociación Cultural O Torreiro polo décimo aniversario desta celebración gastronómica e pola súa actividade asociativa e dinamizadora da parroquia de Forzáns e doutras limítrofes non só do concello de Ponte Caldelas senón tamén de A Lama e Fornelos de Montes.

Deja un comentario