+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xaneiro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Como funciona o composteiro? clases prácticas de compostaxe no colexio a Florida de Sanxenxo


As rapazas e rapaces do centro puxeron a andar esta semana un centro de compostaxe no seu patio

Os rapaces e rapazas do colexio de A Florida de Sanxenxo están estes días a descubrir a parte práctica da compostaxe: puxeron a andar un composteiro no patio do seu propio centro escolar compost. A maiores, coñecerán cales son os bichos que participan no proceso de produción do compost e aprenderán o 27 de abril como funciona o centro de compostaxe que a Deputación instalou en Sanxenxo, podendo facerlle as preguntas que queiran ao mestre composteiro que se encarga da súa xestión.

Durante esta semana foron os monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), os que desenvolveron os obradoiros organizados pola Deputación dentro do Plan Revitaliza. O interese na posta en marcha do composteiro foi máximo, ao igual que durante as xornadas realizadas durante as semanas anteriores. Os pequenos e pequenas, xunto cos seus profesores, serán responsables do seu mantemento a partires de agora.

Por outra banda, os alumnos máis maiores asistiron nas pasadas semanas a unha charla titulada ‘A voltas coa compostaxe’, un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais. Os máis pequenos (1º e 2º) participaron nos diferentes xogos programados, entre os que destacou o ‘Xogo da miñoca’, unha variación xigante da oca na que, formando equipos sentados no chan, resolveron preguntas sobre como acadar un bo compost. Xa no mes de abril participarán nos obradoiros de ‘Quen vive aí?’ sobre os bichos que están implicados na compostaxe e, finalmente, o 27 de abril, realizarán unha visita ao centro de compostaxe comunitario que a Deputación instalou en Sanxenxo.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades escolares da man dos monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro do Plan Revitaliza. O obxectivo é concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Deja un comentario