+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

Pleno de Mos dá conta dos resultados positivos da liquidación e do informe de estabilidade orzamentaria do exercizo 2016


A alcaldesa lamenta que a boa xestión económica moleste tanto ao BNG como para mentir sobre a mesma e tentar confundir aos veciños
O Concello de Mos deu onte conta na sesión plenaria ordinaria do mes de marzo, da liquidación do exercizo económico 2016 e do informe de estabilidade orzamentaria da liquidación do orzamento xeral correspondente ao exercizo de 2016, ambas con resultados altamente positivos que o BNG tenta distorsionar con falsedades.
Neste sentido a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, explica que “cando chegamos ao Concello atopámonos cunha herdanza do goberno bipartito PSOE-BNG de 10 millóns de euros de débeda e 3 millóns de euros de préstamos bancarios nos caixóns, sen utilizar e xerando intereses, e despois de varios anos de orzamentos municipais realistas, aprobados en tempo e forma e pechando os exercizos con superávit e con remanente de tesourería positivo destinado a amortizar débeda; pagando as facturas a 60 días e, por suposto, sen pedir préstamos, logramos darlle ao Concello e ás arcas municipais un xiro de 180 graos”. Tal foi o cambio da xestión económica municipal que, de seguir na mesma liña, tal e como é intención do goberno local, en 2022, nun prazo de 5 anos, “o Concello de Mos terá amortizada a súa débeda que será cero”, asegura a rexedora Arévalo.
Por iso Nidia Arévalo esíxelle ao BNG “que non faga demagoxia, xa que foron eles os que puxeron ó Concello de Mos nesta situación e non poden darnos leccións de nada”. E reflexiona alcaldesa sobre estas críticas infundadas dos nacionalistas: “débelles de molestar moitísimo que pecháramos o exercizo 2016 cuns resultados orzamentarios positivos e que esteamos a realizar unha xestión económica impecable e intachable, para saír nos medios de comunicación difamando e tentando confundir aos veciños e veciñas de Mos”.
Sen embargo a única realidade certa a este respecto é que Mos pechou as contas do ano pasado cun superávit de máis de millón e medio de euros (1.607.617,31 euros, concretamente) cumprindo ademais co obxectivo de estabilidade orzamentaria, do que se deriva o devandito superávit. O 2016 liquidouse cun remanente de tesourería positivo de 452.135,13 euros.

O informe de intervención avala uns resultados positivos na liquidación do orzamento do pasado ano 2016 que se resumen no resultado orzamentario do exercicio positivo por importe de 1.209.697,57 euros e un aforro neto de 644.264,70 euros.

Estes catro indicadores da liquidación presupostaria teñen un resultado positivo e veñen a demostrar que se está cumprir o Plan de Axustes posto en marcha en 2011 e que, se a progresión económica das arcas municipais continúa deste mesmo xeito, en 5 anos a débeda do Concello de Mos será cero.

En definitiva, segundo o informe do interventor municipal do Concello de Mos, a liquidación do orzamento mosense do exercicio 2016 cumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria, entendido como a situación de equilibrio ou de superávit en termos de capacidade de financiamento.

Deja un comentario