+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación resolve oficialmente a obra da variante de Baión en Vilanova


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez asegura que xa se está a traballar no novo proxecto para mellorar a EP-9701

A Xunta de Goberno da Deputación aprobará mañá venres a resolución do contrato da obra ‘Ensanche e mellora da EP-9701 Baión-András’ en Vilanova de Arousa. Deste xeito anúlase formalmente o proxecto da variante previsto polo anterior goberno provincial, que contaba con graves irregularidades de tramitación. Segundo afirmou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, xa está contratada unha asistencia técnica para ofrecer unha alternativa viable a esa actuación con criterios de mobilidade sostible.
Benitez explica que o proxecto da variante de Baión foi adxudicado o 10 de xullo de 2015 sendo Rafael Louzán presidente en funcións, a poucos días de deixar o seu cargo, á empresa Covsa por 1.192.133 euros e cun prazo de execución de seis meses. As carencias do proxecto fixeron que en setembro dese mesmo ano xa se asinase acta de comprobación de replantexamento negativa.
En primeiro lugar, a adxudicación da obra realizouse sen ter a disposición os terreos, sen iniciar o expediente expropiatorio correspondente e sen o compromiso de colaboración do Concello nin tampouco dos propietarios dos terreos, que en boa parte non estaban dispostos a ceder as súas fincas. De feito, o novo goberno da Deputación recibiu escritos da veciñanza afectada que manifestaba estar en contra do proxecto “porque lle quita vida ao núcleo de Carballo”. Neste sentido, o deputado de Mobilidade lembra que a actuación prevista afecta a unha grande cantidade de terreo: “non é que se fose facer un sobreancho da estrada actual, é que se quería facer unha nova estrada pasando polo medio de fincas. Necesitaríanse parcelas completas e non hai nin un trámite iniciado”, subliñou.
En segundo lugar, o expediente do proxecto carece de avaliación ambiental simplificada, que non se solicitou. De feito, o nome do proxecto esconde que se trataba dunha variante cun cambio de trazado da estrada existente, para a que a avaliación un trámite imprescindible, e simplemente fala dun ensanche e mellora, “cando a realidade é ben diferente”, di Benítez.
En terceiro lugar, o proxecto tampouco dispoñía de informe de Patrimonio, que se solicitou posteriormente á adxudicación da obra, e chegou de volta coa conclusión de que era preciso modificar o trazado no primeiro tramo da vía para seguir adiante. En cuarto lugar, a autorización da Concentración Parcelaria caducara había un ano.
Por todos estes motivos, e porque os impedimentos son insalvables (só a modificación do proxecto polas esixencias de Patrimonio requiriría dunha nova contratación), o novo goberno da Deputación resolverá mañá de xeito definitivo e oficial o contrato con Covsa. Esta resolución farase por vía amistosa coa empresa, que renunciou á indemnización económica que lle corresponde por lei (o 3% do prezo de adxudicación por estar as obras suspendidas máis de 6 meses).
Novo proxecto
Ante a anulación do proxecto da variante de Baión, o deputado de Mobilidade vai poñer sobre a mesa do alcalde de Vilanova un novo proxecto de mellora para a estrada. Este non suporá unha variante como a prevista, senón a reformulación da vía actual seguindo os criterios de seguranza viaria e o decálogo de actuacións en vías provinciais que manexa a actual equipa de Goberno.
Segundo indicou Benítez, o novo proxecto contempla sobreanchos na estrada, así como a mellora de interseccións para gañar visibilidade e tratamentos singulares nalgúns treitos da vía, garantindo a convivencia do tráfico rodado coa mobilidade peonil. A previsión é instalar elementos de calmado de velocidades (pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos) para evitar a violencia viaria.
O nacionalista indicou que o proxecto deberá ser consensuado co Concello de Vilanova e de ningún xeito se levará adiante se o alcalde non da o seu visto bo. En calquera caso, Benítez manifestou o seu escepticismo con respecto ao interese do rexedor en realizar algunha actuación: “ata o de agora non solicitou ningunha entrevista formal para falar de nada relativo ás estradas provinciais no seu municipio. Só coñezo queixas na prensa e ningunha aportación en positivo que mellore a vida da súa veciñanza”, finalizou.

Deja un comentario