+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

O Concello soluciona en Silvoso os problemas causados nunca finca particular por unha antiga obra municipal


Executa melloras nesta parroquia por un importe duns 10.000 euros

A parroquia de Silvoso está a ser obxecto de melloras nos viais municipais por un importe total duns 10.000 euros. Nos últimos días rematou o peche dunha finca, afectada por una antiga obra municipal e completouse a reparación e ampliación dun muro de contención. Tamén están a piques de executarse actuacións para optimizar a recollida de augas.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou hoxe as obras de peche da finca. O propietario cedera terreos ao Concello para a ampliación dunha pista municipal durante o anterior mandato. Alí executouse un muro de contención. A cambio, asumiuse o compromiso, incumprido polo equipo de goberno do PP, de pechar a finca e colocar un pequeno “bordillo”. Agora, executouse a actuación pendente e, ademais, retiráronse xa hai algúns meses os entullos procedentes da construción de muro de contención, que estaban esparexidos pola finca.
O Goberno local, integrado polos grupos do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, xa ten manifestado a súa intención de cumprir os compromisos adquiridos polo anterior equipo municipal, así como de corrixir algunhas das obras que quedaron abandonadas ou mal executadas, como a do coñecido muro de Taboadelo ou os peches das fincas no acceso á decantadora da Reigosa. “Os veciños que colaboraron co Concello non teñen a culpa e pensamos que cómpre respectar a palabra dada, aínda que fora a de outros, porque a institución está por enriba das persoas”, asegura o alcalde.
Tamén en Silvoso de Abaixo executouse un novo muro de contención que permite ampliar unha estrada municipal. Consiste nun tramo de máis de 50 metros que facilitará o tránsito dos veciños ás súas vivendas, facilitando o paso simultáneo de vehículos en ambas direccións.
O resto das melloras previstas nesta parroquia consisten en arranxos menores en arquetas de recollida de augas e unha canalización de pluviais para evitar o asolagamento do andar baixo dunha vivenda.

Deja un comentario