+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

As oficinas “SmartPeme” da área de vigo acollen preto de 20 obradoiros durante o mes de abril


“SmartPeme” é un programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra destinado ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia

As oficinas SmartPeme da área de Vigo, situadas nos concellos de Ponteareas, O Porriño e Vigo, acollerán durante todo o mes de abril un total de 18 obradoiros ao abeiro do programa “SmartPeme” da Deputación de Pontevedra. “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

As quendas para o mes de abril na oficina de Vigo son as seguintes: o martes 4, “Imos chamar á porta da túa clientela. Posicionamento SEO”, seguido de “Promove o teu perfil en Facebook con aplicacións externas” o xoves 6. Dúas semanas despois, desenvolverase “Como facer unha campaña exitosa de publicidade en Google” o luns 17 e “Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggl”, o mércores 19. Para rematar, o mércores 26 desenvolverase o obradoiro que leva por título “Google Analytics: Interpretación dos datos e tomas de decisións” e “Mostrario virtual: a fotografía e o produto no medio en liña” o venres 28 de abril. A oficina “SmartPeme” de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3.

A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: o martes 4 de abril, “Descubre como funciona o certificado dixital, o teu DNI online”, seguido de “Seguridade da información: protexe o teu smartphone” o venres 7. O martes 18 de abril será a quenda de “A túa páxina web con WordPress” e o xoves 20 de “Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais”. Xa para rematar, o luns 24 de abril terá lugar “Imos chamar á porta da túa clientela. Posicionamento SEO” e o mércores 26 “Como facer unha campaña exitosa de publicidade en Google”. A oficina “SmartPeme” de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.
Por último, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o luns 3 de abril, “Como utilizar Instagram para promover a túa empresa” e o 5 de abril terá lugar “Saca as túas fotografías para o comercio electrónico”. O martes 18 de abril desenvolverase o obradoiro “Facebook ads” e o xoves 20 “Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais”. A última quenda será a de “Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggl”, o luns 24, e “Google Analytics: Iniciación á analítica web” o 26 de abril. A oficina “SmartPeme” do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.

Todas as actividades –tanto as de Ponteareas como das do Porriño e as de Vigo– terán lugar en horario de 19:00 horas e a inscrición se pode facer a través do número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es

Lembramos que o novo proxecto “SmartPeme”, en palabras da Presidenta da Deputación, Carmela Silva, “é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”. Para isto, nas oficinas de SmartPeme no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se poñen en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

Deja un comentario