+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Agosto de 2018

Alumnos do instituto Pablo Picasso, de Barcelona, visitaron a Área Arqueolóxica de Tourón


Un grupo de 29 alumnos e tres profesores do Instituto de Ensino Secundario Pablo Ruiz Picasso, de Barcelona pasou pola Área Arqueolóxica de Tourón, onde tiveron ocasión de visitar os petróglifos e o Centro de Interpretación.
A visita encadrouse dentro da excursión que están a facer por Galicia e é unha máis na campaña de difusión que o Concello de Ponte Caldelas puxo en marcha durante este curso escolar, invitando a visitar o xacemento arqueolóxico a todos os centros escolares de Galicia. A resultas delo, outros centros de España, con intercambios con colexios galegos, están tamén a interesarse. No que vai de ano xa se teñen producido unha decena de visitas escolares a este espazo.
A Área Arqueolóxica está a ser obxecto de varias melloras. Así, nos últimos meses estreáronse novos paneis de sinalización que permiten contemplar as súas cinco estacións de petróglifos cunha reprodución exacta do seu deseño e achegando todos os datos necesarios para a súa correcta comprensión. Están colocados ao pé das estacións do Outeiro de A Forcadela, o Coto das Sombriñas, a Laxe das Cruces, o couto da Siribela e o Nabal de Martiño. Ademais limpáronse os sendeiros que comunican os diferentes puntos e fixéronse reparacións no edificio do Centro de Interpretación. Ao mesmo tempo está programada a reparación de todo o valado exterior e orzamentada a limpeza da broza deste amplo espazo, que alcanza as 15 hectáreas.
Por outra banda, o Concello de Ponte Caldelas vén de reclamar da Xunta de Galicia, a través da aprobación dunha moción plenaria, que solicite diante da Unesco a declaración dos petróglifos de Galicia como Patrimonio da Humanidade.

Deja un comentario