+034 986 09 02 04 Martes 20 de Outubro de 2020

A directora de Turismo de Galicia asiste á XXXI edición da Festa da Ostra de Arcade


Trátase dunha das máis de 300 festas gastronómicas de Galicia que resaltan a cociña galega e amosan ao turista os pratos máis representativos de cada recuncho da nosa comunidade
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu á XXXI Festa da Ostra de Arcade, que conta coa declaración de Interese Turístico de Galicia, dende o ano 2012, recoñecendo este título o arraigo, antigüidade, singularidade e valor cultural desta celebración e converténdoa nun grande atractivo turístico para a Comunidade.

Nesta festa, que se celebra nesta parroquia do concello de Soutomaior cada primeiro fin de semana do mes de abril, pódense degustar os saborosos moluscos que se crían nas marxes da ría de Vigo e que contan cun sabor exquisito que os fai inconfundibles.

Así, a ostra de Arcade, que encontra neste mes a súa mellor época para degustala, é unha das máis cotizadas do mercado e é a pioneira en comercializarse e exportarse fora de Galicia.

Orixe no 1987
A súa festa de exaltación tivo lugar no ano 1987 cando os ostricultores da zona consideraron como idónea a vila de Arcade para esta celebración por ser os pioneiros no consumo, comercialización e exportación deste molusco, non só a outras partes de España, senón tamén de Europa.

A idea naceu coa intención de potenciar o consumo da ostra, xa que ten un importante papel na economía da vila, e de esta forma proxectar a imaxe de Arcade como punto de referencia na produción e comercialización da mesma.

Hoxe constitúe unha cita ineludible no calendario de festas gastronómicas da nosa comunidade atraendo cada ano a numerosos turistas.

Festas de Interese Turístico
A Festa da Ostra de Arcade é unha das máis de 300 festas gastronómicas de Galicia, que resaltan a cociña galega e amosan ao turista os pratos máis representativos de cada recuncho da nosa comunidade.

O Goberno galego apoia a promoción das festas, con especial fincapé nas de interese turístico, por formar parte da cultura e constituír un recurso turístico con grande capacidade de atraer turistas e excursionistas ao longo de todo o ano.

Galicia conta con 135 festas declaradas como de interese turístico autonómico que súmanse ás 9 festas de interese turístico internacional e ás 10 de interese nacional.

Deja un comentario