+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Os composteiros do Plan Revitaliza en Caldas xa levan tratado preto de 45 toneladas de residuos domésticos e céspede


 

O vicepresidente Mosquera participou hoxe na primeira entrega á veciñanza de compost producido nos centros de compostaxe da Deputación

O concello de Caldas foi hoxe o protagonista do Plan Revitaliza da Deputación: entregouse por primeira vez á veciñanza un lote de compost producido nos centros de compostaxe comunitaria instalados en Padres Pasionistas e A Tafona e tamén se aproveitou o compost para fertilizar un xardín público. Alí estivo o vicepresidente provincial, Cesáreo Mosquera, quen subliñou a implicación da veciñanza no proxecto e a súa aposta por aplicar un novo sistema de xestión de lixo máis económico e ecolóxico.
Segundo os datos das dúas mestras composteiras da Deputación de Pontevedra que traballan no Concello de Caldas, a día de hoxe son arredor de 33.000 litros de biorresiduos (restos orgánicos domésticos e céspede) as que se levan tratado no centro de compostaxe comunitaria de Padres Pasionistas, onde só aportan os veciños e veciñas do barrio. Outra cifra similar é a correspondente ao composteiro de A Tafona, onde ademais de lixo orgánico municipal tamén se tratan os restos de froitería dun gran supermercado. En total, suman uns 67.000 litros que supoñen unhas 45 toneladas de lixo que se deixou de enviar a Sogama e que, por tanto, custes que o concello aforrou no tratamento de residuos.
O compost producido ata o de agora non fora repartido entre as veciñas e veciños, senón que fora destinado ás hortas urbanas do CEIP Alfonso VII e do IES Aquis Celenis. Alí os escolares están a traballar en xardíns nos que teñen plantadas patacas, cebolas, allos, chícharos, fabas, remolachas, cenorias, leitugas, pementos e tamén herbas aromáticas que despois levan para as súas casas.
O vicepreisente Mosquera parabenizou aos cidadáns que participaron no Plan Revitaliza e lembrou que, se hai algúns meses había dúbidas sobre a viabilidade dos composteiros o, a día de hoxe demostrouse que todo marcha correctamente e non hai ningún problema nen incidencia ou molestia. “Esta primeira fase do Plan Revitaliza era didáctica, demostrativa, para facer ver que a compostaxe é viable. Aquí tamén é posible, polo que o seguinte paso é que a compostaxe sexa un sistema de tratamento de lixo universa “, salientou. De feito, lembrou que o Concello de Caldas está adherido á segunda fase do Plan Revitaliza, que supón o compromiso de no prazo de 2020 ter estendida a compostaxe en todo o municipio, aplicando un sistema de contenerización do lixo diferente ao actual e onde os biorresiduos domésticos son tratados tanto en composteiros comunitarios como individuais.
Máis centros de compostaxe
As instalacións comunitarias de compostaxe en Caldas de Reis levan instaladas dende xullo de 2016 e tiveron xa sendas ampliacións: de seis módulos pasaron a dez cadansúa delas. Neste momento está previsto –de cara ás vindeiras semanas- instalar outros dous novos composteiros na urbanización de Pedra do Pau e de Sarnadela, e estase a traballar para poñer outro no Centro Ocupacional de Saiar.

Deja un comentario