+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

Iniciadas as obras da nova Escola Infantil da Veigadaña


O prazo de execución é de 11 meses polo que entrará en funcionamento no curso 2018-2019
O xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, visitou esta mañá as obras de construcción da nova Escola Infantil da Veigadaña. Estivo acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, pola concelleira de Política Social, Sara Cebreiro e polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López Chaves.

O prazo de execución da obra é de 11 meses, polo que estará rematada en marzo do vindeiro ano 2018, data na que tamén se producirá a apertura do prazo de matrícula na mesma, ao igual que no resto de Escolas Infantís da rede ‘A Galiña Azul’. Deste xeito a Escola Infantil da Veigadaña entrará en funcionamento co inicio do curso escolar 2018-2019 (no mes de setembro), dando resposta ós 80 cativos de familias en lista de espera para matriculalos nunha Escola Infantil de Mos.
A Escola Infantil da Veigadaña será de seis unidades e está cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
A tramitación da contratación da obra foi ordinaria e documentalmente simplificada, e tratouse dun procedemento aberto. O orzamento base de licitación era de 863.466,82 euros, IVE incluído.

O proxecto da Escola Infantil foi redactado e aprobado polo Concello de Mos. Con esta nova Escola Infantil “Mos convertirase nun Concello de referencia a nivel autonómico no que respecta ao número de prazas de Escolas Infantiles ofertadas”, segundo declaraba hoxe a rexedora local, Nidia Arévalo.
A futura nova Escola Infantil da Veigadaña será a terceira para o Concello de Mos. O novo centro infantil de 0-3 anos emprazarase na Veigadaña. Esta escola vaise converter no terceiro centro da rede autonómica ‘A Galiña Azul’ na localidade e vai elevar ata 164 as prazas públicas de educación infantil do Concello. O novo edificio constará de 82 prazas e 6 unidades.
Ademais deste novo centro na Veigadaña, a Xunta de Galicia puxo en marcha a Escola Infantil de Cototorrón (41 prazas), que abriu as súas portas en xuño de 2011. Unha vez aberta a futura gardería da Veigadaña vanse multiplicar por catro as prazas públicas de educación infantil existentes en 2009.
O Concello de Mos dispón xa de 82 prazas distribuídas en dúas escolas: a de Porteliña, que oferta 41 prazas, e a de Cototorrón, con outras 41 prazas.
A nova Escola Infantil da Veigadaña terá unha superficie útil de 600 metros cadrados, situada no núcleo rural de Veigadaña.
A terceira Escola Infantil da localidade mosense será pronto unha realidade. A alcaldesa de Mos explica neste sentido que “a necesidade dunha nova gardería era de vital importancia, dada a enorme demanda de prazas, demanda que ademais crece cada ano, e motivo polo cal a día de hoxe temos máis de 50 nenos e nenas en lista de espera para matricularse nas dúas Escolas Infantís existentes: Porteliña e Cototorrón”, declarou Nidia Arévalo.
Dada a gran demanda de prazas de gardería que aumenta anualmente de xeito substancial, a nova Escola Infantil que se construirá en Mos será do formato de seis módulos, que é o máis grande de entre os existentes.
O proxecto da nova Escola Infantil en Veigadaña configúrase cunha xeometría circular, optimizando a superficie e o aproveitamento da luz solar do edificio. Para formular a disposición dos distintos elementos, realizouse un estudo das orientacións da parcela, de modo que a zona de aulas disponse na parte sur e oeste, recibindo a máxima achega solar, mentres que a zona de servizos disponse na parte norte.
Dispóñense ademais diferentes espazos libres interiores para a realización de actividades de ocio.
Formúlase a utilización de sistemas de xeración de enerxía pasivos, tratando de adaptar o deseño do edificio aos estándares de sostibilidade. O proxecto pretende xerar un espazo interior de calidade no que alumnos e profesores poidan desenvolverse e gozar do proceso de aprendizaxe, unha actividade fundamental en idades tan temperás.
O proxecto foi realizado polos arquitectos Juan Ignacio Prieto López, Faustino Patiño Cambeiro e Estefanía Grandal Leirós (que estiveron tamén presentes hoxe na vista do xerente do Consorcio ao Concello de Mos); esta última é ademais unha novísima profesional veciña de Mos, que está a facer unha contribución de gran relevancia ó seu Concello con esta innovadora construcción de importantísima función social.

Deja un comentario