+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Xaneiro de 2018

A Biblioteca Pública de Pazos segue de celebración coa poesía visual de David Fernández Rivera


Este venres 7 ás 10:30, os alumnos de quinto de primaria do CIP Curros Enríquez de Pazos de Borbén, despedirán o segundo trimestre escolar con poesía visual. Unha vez máis, e tras a experiencia vivida polos alumnos de sexto, contarán coa visita do poeta, dramaturgo, artista plástico e educador, David Fernández Rivera, para participar no seu obradoiro “Proxecto Caligrama 2000”; unha actividade organizada pola Biblioteca Pública Municipal e a Concellería de Cultura en conmemoración do Día Mundial da Poesía e do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebraron en todo o mundo os pasados días 21 de marzo e 2 de abril respectivamente. Con este obradoiro, os nenos e nenas viaxarán a través dá a súa propia imaxinación para interpretar e crear poesía desde o universo infinito da poesía visual.

Para iso, Rivera apóiase nunha nova pedagoxía que revisa aos máis grandes pensadores educativos para poñelos ao servizo de moitos dos valores que nos ofrece a renovación poética. Grazas a este novo modo de entender o proceso educativo, o alumnado descubrirá un mundo moito máis próximo do que parece, é dicir, o universo infinito dunha poesía que non sempre crece sobre o papel.

Os nenos, non só deixarán ao carón as súas ideas preconcibidas sobre creación poética, senón que tamén aprenderán a utilizala como ferramenta de interacción cos seus compañeiros, educadores, os seus propios sentimentos ou para co mundo que lles rodea.

Por encima de todo, o “Proxecto Caligrama 2000” é unha aposta moi clara por todos eses valores que está a perder a nosa sociedade, uns valores que impulsan a creación da realidade poética máis rompedora e actual. Deste xeito, dentro dun clima de intensidade e participación constante, os estudantes profundarán sobre o marco no que non só se desenrola a evolución da poesía, senón tamén a súa propia realidade e identidade. David Fernández Rivera ten moi claro que quere motivar a efervescencia dos infantes cara as diversas manifestacións da poesía, pero sempre sen esquecer a totalidade dunha educación desde e para a vida, a fin de contas, o gran alicerce deste proxecto.

Esbozo biográfico
David Fernández Rivera (Vigo, 1986), poeta, dramaturgo, compositor, coreógrafo e director teatral. A súa traxectoria está marcada polo inconformismo, a procura continua da vangarda, así como polo seu compromiso para coa nosa propia identidade natural, entendido este como etiología fundamental da súa lírica. É coñecido por materializar a súa obra a través dos códigos máis diversos e imposibles, enfrontando inclusive o poema ás limitacións propias da linguaxe e os idiomas.
Publicou os poemarios “Caminando entre brumas” (2004), “Sentimento y luz” (xunto ao fotógrafo, Luís Lorenzo, 2005), “Canciones de mi ausencia”(2005), “Corceles” (antoloxía de mocidade, 2006), “Entre la sombra y el grito”(2008), “Alambradas”(2010), “Sahara”(2011) e “Ágata” (2014).
Artista e divulgador precoz, comezou aos dezaoito anos como locutor, dirixindo e colaborando en diversos programas de radio para emisoras tanto locais (Radio Ecca e a súa posterior emisión desde Cadena 100) como autonómicas (Radio Voz). Así mesmo, o seu inicio en traballos relacionados co teatro darían os seus primeiros pasos antes da quincena. Ao longo deste tempo, escribiría e dirixiría varias obras teatrais, para participar tamén como actor en compañías españolas e internacionais.
Antes de modificar a súa concepción creativa para unificar poesía, son, imaxe e teatro en “Esferas”(2015), publicaría o texto teatral “Hipnosis”/”La Colonia”(2012).
No 2009 fundaría a “Compañía de David Fernández Rivera”, entidade que actualmente xestiona, produce e dirixe. Para ela preparou a posta en escena de “La Guadaña entre las flores” de Ángel Padilla (2008), así como os textos escritos e dirixidos polo propio autor, como “Alambradas V.L.” (2010), “Ecos de la Noche” (2011) e “Fractal” (2015). Rivera caracterízase por alternar a procura máis extrema de novas linguaxes coa vontade de achegar a poesía ao público.
Boa mostra diso son os seus discos, entre os que destacan “Ecos de la noche” (2011) e “Fractal” (2016); ademais das homenaxes a poetas como Miguel Hernández (“Miguel Hernández. Poemas selectos”, 2012) e Federico García Lorca (“Romancero Xitano, Poemas selectos”, 2011).
A súa traxectoria na investigación pedagóxica comezaría na Facultade de Ciencias da Educación en 2004. Con todo, non comezaría a ofrecer os seus primeiros obradoiros ata setembro do 2008. A súa primeira dinámica sería o “Proxecto Caligrama 2000”. Por vez primeira, David uniría as súas dúas grandes paixóns (pedagoxía e creación) nunha única entidade. O obradoiro foi crecendo, sendo todo un banco de observación e investigación da súa concepción pedagóxica, nel está a raíz de moitos dos seus artigos. A día de hoxe este obradoiro percorreu diferentes comunidades autónomas, e mesmo se levou a cabo de xeito internacional.
Ao longo da súa traxectoria recibiu importantes recoñecementos como o da “Fundación Cultural Miguel Hernández” coa entrega do busto do poeta; recibiu tamén un “Disco de Ouro” de mans do xerente da súa discográfica por “Ecos de la noche” e mesmo recibiu un acto homenaxe na súa cidade natal (Vigo) hai tres anos. Foi condecorado como “Hóspede de Honra” polo municipio colombiano de Santa Rosa de Osos (Antioquia, Colombia), e recoñecido polo seu labor nas artes escénicas coa “Huella Débora Arango” pola “Escola Técnolóxica Superior de Artes Débora Arango” (Colombia). Do mesmo xeito, diversas Institucións Educativas de Colombia distinguiron o seu traballo no campo educativo como tallerista nas súas aulas.

Deja un comentario