+034 986 09 02 04 Martes 17 de Xullo de 2018

Os escolares de Pazos de Borbén aprenden primeiros auxilios


A iniciativa pretende formar aos alumnos na correcta reacción ante unha situación de emerxencia

Case 40 alumnos do CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén participaron nun taller práctico de primeiros auxilios. A iniciativa, a pesar de non formar parte do temario dos seus cursos, está incluída na educación non formal que o centro imparte como formación complementaria e na que colabora o Concello, nesta ocasión achegando equipos desfibriladores para que os alumnos puidesen practicar con equipos reais e aprender de primeira man como utilizalos en caso de ser necesario.
A iniciativa pretende que cada alumno sexa capaz de practicar accións preventivas e, en caso de ser necesario, administrar primeiros auxilios e realizar manobras correctas ademais de comunicar de forma adecuada unha situación de emerxencia mediante o teléfono móbil, achegando a información relevante para o correcto tratamento de cada caso.
Durante aproximadamente 3 horas os escolares recibiron unha serie de pautas e coñecementos que lles axudarán no hipotético caso de ter que enfrontarse a emerxencias médicas, como un accidente doméstico, de tráfico ou unha parada cardíaca.
O taller dividíase en dous partes, unha primeira teórico-práctica na que os alumnos recibiron información xeral ante diverso tipo de problemas mentres un dos seus compañeiros ejemplarizaba a situación baixo a tutela da instrutora; e unha totalmente práctica na que, coa axuda de bonecos de adestramento e os seus propios compañeiros, cada alumno practicou a forma correcta de colocar a un ferido ou a realizar unha reanimación cardiopulmonar, para o que usaron cancións moi coñecidas co mesmo ritmo que se aplica a masaxe.

Deja un comentario