+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

Turismo de Galicia dota os muíños de Folón e do Picón dunha área de recepción de visitantes e aparcadoiro que pon en valor este conxunto patrimonial único en Europa


Nava Castro inaugurou este novo espazo e outras melloras para as que Turismo de Galicia destinou 250.000 euros coa finalidade de mellorar os servizos dispoñibles no conxunto e impulsar o turismo no Baixo Miño
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou no Rosal a área de recepción de visitantes e o aparcadoiro dos Muíños do Folón e do Picón para os que a Xunta destinou un total de 250.000 euros.

Durante o acto, a responsable de Turismo da Xunta destacou que a dita intervención pon en valor este conxunto patrimonial, declarado Ben de Interese Cultural, do cal afirmou “constitúe un complexo histórico, etnográfico e industrial único en Europa”.

Neste senso, Nava Castro engadiu que, ademais, esta mellora potenciará a oferta turística da comarca do Baixo Miño.

Os traballos realizados nos Muíños de Folón e do Picón incluíron a creación dunha área de chegada, dunha zona de aparcadoiro para turismos e autobuses e dun punto limpo para que os visitantes deixen recollidos os residuos que xeren durante a súa visita.

Así mesmo, realizouse un pequeno volume que acolle uns aseos para uso dos visitantes e acondicionouse unha zona para charlas ao aire libre e descanso.

“Desta maneira, ademais de visitar o conxunto mediante unha ruta circular, poderanse realizar actividades complementarias e relacionadas co ocio e co turismo neste espazo natural”, explicou a directora de Turismo de Galicia.

De feito, o acto de inauguración complétase esta tarde ás 20:30 horas coa representación teatral ‘Historias peregrinas’ que terá lugar no propio conxunto patrimonial.

Para finalizar, Nava Castro aproveitou a ocasión para enxalzar o rico patrimonio de Galicia do cal afirmou “aglutina importantes tradicións e elementos etnográficos e da vida social e tradicional polos que debemos apostar para non perder esta cultura propia que nos identifica como pobo”.

Deja un comentario