+034 986 09 02 04 Luns 20 de Novembro de 2017

Nava Castro destaca que o decreto de vivendas de uso turístico ofrecerá un marco de seguridade xurídica e garantirá a calidade


Afirma que esta regulación impulsará o rexistro de numerosas vivendas de uso turístico en Galicia enriquecendo a súa oferta de aloxamento turístico 

Turismo de Galicia celebrou en O Grove (Pontevedra) unha nova xornada informativa sobre o novo decreto que regulará as vivendas de uso turístico en Galicia. Coa sesión de hoxe, a Xunta de Galicia celebrou xa un total de doce encontros polos diferentes municipios galegos.

Durante o encontro a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou os aspectos fundamentais da nova norma que define as vivendas de uso turístico como aquelas cedidas a terceiras persoas de xeito reiterado –dúas o máis veces ao ano- e a cambio de contraprestación económica, para unha estadía de curta duración –inferior a trinta días consecutivos- e amobladas e equipadas en condicións de inmediata dispoñibilidade.

Nava Castro explicou que con esta nova regulación a Xunta cumpre unha demanda tanto do sector hoteleiro como do sector de aluguer de vivendas de uso turístico, as administracións, consumidores e usuarios.

A responsable de Turismo do goberno autonómico destacou que o decreto, que entrará en vigor o 10 de maio, impulsará o rexistro de numerosas vivendas de uso turístico en Galicia enriquecendo a oferta de aloxamento turístico da nosa comunidade. Así mesmo, indicou que a súa regulación ofrecerá un marco de seguridade xurídica tanto aos particulares e a todo o sector turístico como aos usuarios.

Para a regulación deste novo tipo de aloxamento, a Xunta optou por un modelo flexible e de moi sinxela aplicación sendo o decreto galego o menos restritivo en comparación coas outras comunidades autónomas de España.

Os únicos requisitos que establece a nova norma é a inscrición no Rexistro de Actividades Turísticas (REAT) e que sexa unha vivenda legal e lista para habitar. Turismo de Galicia, explicou que, desta maneira, as únicas vivendas que poden quedar fóra da regulación son exclusivamente as ilegais.

Decreto consensuado
A directora de Turismo de Galicia incidiu en que o decreto foi tramitado de acordo co procedemento legalmente establecido que inclúe dar audiencia e participación aos interesados.

“Así, durante a súa tramitación, o decreto foi remitido para alegacións a todas as asociacións de hospedaxe así como á federación de ámbito nacional Fevitur”, engadiu.

Deja un comentario