+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Xuño de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

164 persoas aspiran a ter praza de funcionario interino dentro do Plan Revitaliza da Deputación


Os postos máis disputados son os de mestres e mestras composteiras
A Deputación de Pontevedra vén de facer hoxe pública a listaxe de persoas admitidas para participar no proceso de selección de persoal interino para o Plan Revitaliza: en total son 164 persoas as que aspiran a traballar como funcionarios no plan provincial de compostaxe, o que demostra o ‘tirón’ da convocatoria e o interese sobre este novo sistema de tratamento e xestión do lixo. Os postos máis disputados son os 12 de mestras e mestres composteiros, para os que se presentarán ás probas 86 persoas.
En total ofertáronse vinte prazas de persoal interino por programa: doce delas de mestras e mestres composteiros con cualificación C1. Estes funcionarios darán soporte técnico e participarán activamente nos traballos físicos no proceso da compostaxe comunitaria, resolvendo as dúbidas e os problemas que poidan xurdir durante todas as fases do proceso, da supervisión dos composteiros individuais e tamén control e supervisión do funcionamento das plantas de tipo industrial que se poidan instalar no futuro.

Para cubrir as prazas de técnicas e técnicos de xestión de residuos municipais e tratamento de biorresiduos (seis de categoría A2) admitíronse 67 candidatos. Os futuros traballadores constituirán unha categoría especializada con múltiples funcións, desde traballos prácticos de campo ata a elaboración de plans de residuos completos para concellos ou mancomunidades, así como labores de coordinación, impulso e xestión de ámbitos complexos dentro do Plan Revitaliza.
Por último, para cubrir o persoal técnico de xestión económico-administrativa (dúas prazas A2) admitíronse 11 candidatos. Estes debían acreditar coñecementos en materia de residuos municipais para prestar apoio nas funcións de asesoramento e redacción, entre outras, de propostas de regulamentos, ordenanzas fiscais e estudos económico-financeiros relativos ao Plan Revitaliza e aos plans de residuos municipais.
Unha vez publicada a listaxe provisional de admitidos abrirase un prazo de cinco días para subsanar eivas na documentación presentada. Posteriormente publicarase a resolución definitiva de admitidos, nomearanse os membros do tribunal cualificador e procederase á selección das datas de exames que, con toda probabilidade, se iniciarán a primeiros do mes de maio coa finalidade de que os novos funcionarios estean incorporados no mes de xuño.
Máis información sobre as listas de admitidos de cada proceso selectivo en http://www.depo.es/interinidades/diverso-persoal-revitaliza.

Deja un comentario