+034 986 09 02 04 Venres 21 de Febreiro de 2020

Cerdedo-Cotobade sitúa a presión fiscal en só 186 euros por habitante tras unha rebaixa do 6,7% no Orzamento 2017


A distribución impositiva por veciños sitúabase en 200 euros no ano 2016 e descendeu en 14 euros coas contas deste exercicio

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de situar a súa presión fiscal en apenas 186 euros por habitante tras rebaixar esta carga nun 6,7% no marco dos Orzamentos Municipais 2017, que foron aprobados polo pleno o pasado xoves e que actualmente se atopan en fase de exposición pública.

As contas conxuntas de ambos municipios en 2016 incluían 1.233.387 euros de recadación en impostos, taxas e prezos públicos, o que supoñía unha presión fiscal de 200,22 euros por veciño, xa que o municipio contabilizaba 6.160 empadroados. Esta distribución impositiva, cos datos do Orzamento Municipal 2017, reducíuse en preto de 14 euros e situouse en 186,65 euros por habitante, xa que os ingresos fiscais globais serán de 1.133.165 euros.

O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, amosou a satisfacción “do deber cumprido e da palabra dada”, xa que se conseguíu incrementar o orzamento en case 1,7 millóns de euros, pasando de 3,3 a preto de 5 millóns, cunha rebaixa na recadación fiscal de 100.000 euros. “Dixemos que a fusión sería boa por moitas cousas e, entre elas, que os veciños pagarían menos impostos e aquí están os datos. Ademais, aínda non rematamos de traballar nesta liña e os tributos locais seguirán minguando sen que iso vaia afectar nin aos servizos públicos nin aos investimentos, que este ano serán de récord”, manifestou.

Deste xeito, o Concello de Cerdedo-Cotobade sitúase como un dos tres da provincia de Pontevedra cos impostos e a presión fiscal máis baixos, sitúandose moi lonxe da media provincial, cifrada en 307 euros de recadación anual por veciño. “Ocupamos o lugar 31 en poboación e representatividade, pero somos o terceiro que menos impostos lles cobra aos veciños. Iso fainos sentir orgullosos porque aumentamos a súa calidade de vida”, apostillou.

Ademais, os parámetros da presión fiscal no municipio seguirán descendendo en vindeiros exercicios, xa que está programada para os vindeiros meses unha modificación das ordenanzas fiscais municipais que arroxará unha diminución de impostos de en torno ao 8% e tamén se están artellando outras medidas que rebaixarán algunhas taxas, como a do lixo e limpeza, que xa ten un descenso de 10 euros no territorio de Cerdedo polas accións de compostaxe e reciclaxe e

que se estenderá proximamente aos veciños de Cotobade a medida que se vaian adherindo a este plan. “A rebaixa de impostos vai seguir e vai chegar ata o límite mínimo que sexa necesario para axudar a pagar os servizos públicos, xa que, grazas á fusión, temos outras vías de recursos e ingresos”, explicou Cubela.

Deja un comentario