+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Abril de 2018

Os Concellos de Ponte Caldelas e Poio, “irmandados” pola discriminación da Xunta coas obras nas estradas


Andrés Díaz entrega a Chelo Besada o convenio polo que o municipio caldelán asumiu o custo das expropiacións na PO-234 como fórmula para que Poio poida facer o mesmo coa vía autonómica PO-308
A discriminación da Xunta de Galicia, á hora de exercer as súas competencias na PO-234 e PO-308, dúas das estradas máis perigosas da Rede Autonómica, centrou unha xuntanza celebrada hoxe entre o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e a alcaldesa accidental de Poio, Chelo Besada. O encontro, celebrado na Casa do Concello de Poio, serviu para que Ponte Caldelas compartise a proposta de convenio que o pasado mes de xaneiro entregou á Xunta de Galicia para desbloquear a realización das obras no perigoso tramo das curvas de Laxoso da PO-234. O convenio, que é o primeiro de España polo que un Concello se ofrece a pagar as expropiacións dunha estrada autonómica, é o escenario que Poio baralla agora para a PO-308.
A chamada “Solución Ponte Caldelas” foi a resposta do Concello caldelán despois de que a Xunta presentara un ambiguo protocolo, sen compromiso esixible ningún, no que seguía responsabilizándoo da cesión gratuíta de todos os terreos sen concretar os trámites legais a seguir. Máis aínda, ao comprobar que a propia Relación de Bens Afectados elaborada pola Xunta incluía a 99 persoas, entre elas varias falecidas, emigradas, en paradoiro descoñecido e repleta de erros de identificación. Unha situación idéntica á que se está a producir en Poio.
Os concellos de Ponte Caldelas e Poio considéranse irmandados pola discriminación da Xunta de Galicia nas obras da súa Rede Autonómica de Estradas e critican a irresponsabilidade de amparar, por puro partidismo político, unha inseguridade viaria que se está a traducir en accidentes e mesmo en mortos.
Andrés Díaz e Chelo Besada coincidiron tamén en rexeitar a “argallada” da Xunta de Galicia pola que se lle esixe aos concellos a cesión dos terreos como requisito para actuar sobre unha estrada autonómica. As competencias exclusivas corresponden á Xunta de Galicia, destacaron. A Lei de Estradas de Galicia reflicte os procedementos de obtención dos terreos e deixa claro que a tramitación administrativa debe ser realizada pola Administración autonómica. Todo o demais é un intento de confundir aos veciños.
Os concellos de Ponte Caldelas e Poio denuncian que a Consellería de Infraestruturas ten en marcha preto dunha ducia de procedementos de expropiacións en toda Galicia. Mesmo, nun caso, para a execución dunha senda peonil. Non hai constancia do menor criterio legal, orde ou instrución interior que regule en que casos se lle pide aos concellos esa suposta cesión dos terreos e en que outros a Xunta exerce as súas competencias de oficio. O único criterio parece ser o caciqueo e a discriminación dos concellos onde non goberna o PP.
Ambas partes coincidiron en que para ceder terreos á Xunta primeiro hai que telos en propiedade, o que implica segregación das fincas, novas escrituras, Rexistro e Catastro, algo que é ridículo cando os propios propietarios vanse sentar directamente coa Xunta de Galicia durante o procedemento de levantamento de actas previas á ocupación, onde poden elixir libremente se ceden ou prefiren que lles expropien. A simple recollida de papeliños, sen valor legal algún, como fan algúns alcaldes do PP, á parte dun engano, é unha auténtica irresponsabilidade.
A xente, engadiu Andrés Díaz, ven ao Concello e dinos que non entende que para ceder os terreos á Xunta primeiro haxa que cedelos ao Concello. Nós tampouco. Ademais, non se fía da Xunta e pregúntanos que pasa se logo non fan as obras. Pero, lamentablemente, esta é a situación na que o Goberno autonómico, cun orzamento millonario e ducias de técnicos ao seu dispor, pon aos pequenos concellos, que bastante temos con facer o noso traballo, nun escenario agresivo de recortes e unha enorme escaseza de medios.
Chelo Besada agradeceu o xesto do alcalde de Ponte Caldelas de solidarizarse con Poio e achegar o convenio para adaptalo á realidade de Poio. Concluíu que hai que acabar coas desculpas da Xunta de Galicia e o Concello asumirá o custe que teña que ser para garantir a seguridade dos veciños e acabar con esta dobre vara de medir, pola que as obras fanse nuns concellos si e noutros non.
Explicou que o convenio adaptarase ao tramo para o que hai proxecto aprobado, entre Raxó e Covelo, aínda que avogou por que se fagan proxectos máis ambiciosos e integrais, que non só inclúan execución das beirarrúas, senón tamén a reordenación das perigosas interseccións, onde se están a producir boa parte dos accidentes.

Deja un comentario