+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019

Ponte Caldelas homenaxea a Portugal e aos fados no aniversario da Revolución dos Caraveis


O Centro Cultural expón os seus fondos galaico-portugueses e celebra un concerto coa música máis tradicional do país veciño

O Centro Cultural de Ponte Caldelas acolle este próximo martes, día 25, un dobre acto literario e musical polo que vai conmemorar o Día Internacional do Libro e tamén o aniversario da Revolución dos Caraveis en Portugal, a histórica xornada que puxo fin á ditadura salazarista.
A cita comeza ás 20.30 horas e a asistencia é completamente aberta. Comezará coa apertura da exposición dos fondos literarios galaico-portugueses, para conmemorar o Día Internacional do Libro (que se celebra este 23 de abril), pero o prato forte vai ser o concerto didáctico de música portuguesa que van ofrecer os integrantes do grupo Laranxada de Limón, cunha hora e media de duración aproximada.
O concerto estará dividido en dúas partes. Nunha primeira farase un repaso da música portuguesa en pezas tan coñecidas do cancioneiro galego como “A saia da Carolina” ou “Alecrín”. A segunda parte consistirá na interpretación dunha parte do repertorio máis clásico dos fados e incluirá tamén unha pequena homenaxe a Francisco Pérez Andión, un músico de Caritel que trunfou como guitarrista de Amalia Rodrigues, e foi coñecido como “Paquito, o fadista galego”.
A interpretación estará a cargo de Cándido Picanzo, un caldelán orixinario de Barbudo, pero nacido e criado en Lisboa, que leva o fado no sangue. Na primeira parte estará a formación do grupo ao completo e xa, na segunda, Cándido cantará acompañado de “Manolo, o do acordeón”, á bandurria. Haberá tamén unha interpretación especial do tema “La Balsa de Piedra”, coa que Luis Pastor homenaxeou ao escritor Saramago.
O Concello organiza este novo acto cultural, que incluirá o reparto de caraveis entre o público asistente, como unha ocasión única de aprender sobre a música portuguesa máis tradicional e tamén a súa forte influencia na música galega.
O alcalde, Andrés Díaz, que hoxe recibiu a Cándido Picanzo, agradeceu a súa colaboración e iniciativa. Ademais, subliñou que moitos veciños de Ponte Caldelas emigraron a Portugal, especialmente a área de Lisboa. Hoxe, tras varias décadas de Democracia a ambos lados da “raia”, hai un importante vínculo co país veciño, como demostran os trámites de irmandade que se están a realizar coa Cámara de Vilaverde, e especialmente, a Freguesía de Barbudo.

Deja un comentario