+034 986 09 02 04 Luns 27 de Xaneiro de 2020

O Concello de Mos presenta a súa programación de Nadal


Numerosas actividades para todos os gustos e idades afastarán ós mosenses do aburrimento durante estas datas

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e as concelleiras mosenses de Benestar Social e Cultura, e Educación e Participación Cidadá, Sara Cebreiro e Kely Monzón, respectivamente, prersentaron hoxe no Concello a programación de Nadal 2014-2015.

Trátase o deste ano dun Nadal moi completo cheo de actividades variadas para tódolos gustos e idades, abarcando dende iniciativas deportivas, ata musicais, cinematográficas, teatrais, espectáculos de maxia, exposicións e os xa tradicionais, Concurso de Postais de Nadal, Obradoiros Infantís de Nadal e a Cabalgata de Reis.

Como cada ano o de Mos é tamén un Nadal Solidario que promove a súa sempre exitosa campaña de recollida de alimentos para as familias máis desfavorecidas do municipio e na que colaboran os tecidos asociativo, empresarial e educativo do Concello, xunto co Club de Leones e a administración local mosense.

O vindeiro venres, día 19 de decembro, o Multiusos das Pozas acollerá, de 20.00 horas a 22.00 horas a mostra dos traballos dos cursos do programa Tempo de Lecer impartidos nas asociacións do municipio. Nela exporanse as pezas dos alumnos e alumnas de ditas accións formativas, que demostrarán o seu bo facer nas máis diversas disciplinas. Esta exposición permanecerá tamén aberta ó público o sábado 20 de decembro en horario de 11.00 horas a 13.00 horas e de 17.00 horas a 19.00 horas; e o domingo 21 de 11.00 horas a 13.00 horas e de 16.00 horas a 18.00 horas.

O sábado 20 de decembro e o domingo 21 de decembro celebrarase, tamén no Multiusos, o Festival de Panxoliñas. Ambos días o espectáculo musical dará comezo a partir das 19.00 horas da tarde.

Un clásico da programación lúdica do Concello de Mos, o programa Ocio en Familia, non podía faltar este Nadal na localidade mosense, e trae para os máis cativos e os seus pais e familiares varias proxeccións cinematográficas e un espectáculo de maxia. O luns 22 de decembro proxectarase a película Maléfica no Centro Dotacional de Torroso ás 19.00 horas. O martes 22 de decembro poderase ver o filme ‘Lórax en busca de la trúfula perdida’ tamén no Centro Dotacional de Torroso ás 19.00 horas. E, por último, chegará a maxia de mans do mago Xavier Muro ó auditorio do Multiusos o domingo 28 de decembro ás 18.00 horas; o espectáculo levará por título ‘Maxia Fantaxia’.

O venres 26 de decembro a compañía de teatro Malasombra interpretará no Multiusos a partir das 20.30 horas a obra D.E.P. unha comedia de morte.

E tamén haberá Noites Vivas cinematográficas este Nadal en Mos, coa proxección da película ‘Kamikace’ no Centro Dotacional de Torroso o sábado 27 de decembro ás 22.00 horas.

Os tradicionais Obradoiros Infantís de Nadal dirixidos a nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade levaranse a cabo do 22 de decembro ó 7 de xaneiro, e para máis información e inscricións os pais e nais interesados poden chamar ó teléfono 986 33 94 04 da concellería de Educación e Participación Cidadá.

Ademais o Pazo de Mos será esceario o venres, día 2 de xaneiro, da proxección dunha película de cine infantil; e o domingo, 4 de xaneiro, recibirá a visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente.

Por último, o luns 5 de xaneiro a Cabalgata de Reis dará saída ás 18.00 horas da tarde e transcorrerá ó longo da Avenida de Sanguiñeda.

Deja un comentario