+034 986 09 02 04 Sábado 14 de Decembro de 2019

Ponte Caldelas obriga á limpeza das fincas urbanas e de núcleo rural que supoñan risco de incendio


O Goberno local aprobou este ano unha ordenanza que faculta ao Concello a impoñer multas e a executar forzosamente os traballos

O Concello de Ponte Caldelas non está disposto a mirar cara outro lado mentres os propietarios dalgunhas fincas urbanas incumpren a súa obriga de limpalas de cara ao verán para minimizar o risco de incendio. O pasado 27 de xaneiro entrou en vigor unha ordenanza que o faculta para impoñer multas de entre 100 e 3.000 euros e tamén a executar forzosamente os traballos de corta e retirada da broza.
A nova ordenanza céntrase nas competencias municipais, que se cinguen ao centro urbano e ao solo de núcleo rural, mentres que a superficie rústica ou forestal é competencia da Xunta de Galicia, destaca o alcalde, Andrés Díaz, á fronte dun Goberno municipal tripartito encabezado polo PSdeG-PSOE e integrado tamén por AVP e BNG. A normativa municipal obriga á limpeza destas parcelas antes do 30 de xuño de cada ano.
O Concello notificará aos propietarios das fincas en situación de risco cando teña constancia dos feitos. En caso de non atender a orde de execución no prazo máximo de un mes, ábrese a vía ao expediente sancionador. O importe dependerá da gravidade da situación. Nos casos en que se estime oportuno, en atención á desobediencia ou á situación de risco producida, iniciarase a vía da execución subsidiaria, pola que se limpará con medios municipais e se repercutirá a factura, ademais da multa, aos infractores.
A ordenanza afecta tamén a unha franxa de 50 metros ao redor do solo urbano e de núcleo rural, onde será necesario manter o solo limpo de broza e vexetación descontrolada e queda tamén prohibido a plantación de árbores de especies que propaguen o lume con facilidade, como o eucalipto, a mimosa e outras. Esta circunstancia afecta especialmente ás comunidades de montes.
Andrés Díaz explicou que esta Semana Santa producíronse xa varios conatos de incendios, especialmente en Baltar e na Reigosa, que tiveron que ser atendidos pola brigada municipal e foron sufocados co uso do vehículo motobomba do parque municipal. O perigo irá en incremento a medida que avance a primavera e coa chegada do verán.
Por outra banda, o Goberno municipal está a recibir numerosas queixas e denuncias de veciños con bens inmobles apegados a fincas nas que a broza creceu de xeito descontrolado, xerando así un risco potencial.
Dende o Concello sublíñase que non hai afán recadatorio ningún e, por este motivo, publicarase un bando volvendo a informar á veciñanza antes de iniciar a apertura dos procedementos sancionadores. Non obstante, engade o alcalde, unha vez concluído o prazo previsto na ordenanza e notificados os responsables as sancións serán imparables.
Por outra banda, o propio Concello comezou a súa campaña de limpeza anual das marxes dos camiños municipais e todos os espazos públicos. Un operativo de corta e retirada de vexetación, con medios exclusivamente manuais e sen uso de herbicidas, que se vai desenvolver durante os próximos tres meses.

Deja un comentario