+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018

O Concello avanza no plan de mellora de fontes e lavadoiros con obras en Milladoiro, Quireza, Framil e Limeres


A actuación, que se está a desenvolver con operarios municipais, céntrase agora nas bases para as novas fontes de Framil e Limeres

O Concello de Cerdedo-Cotobade está avanzando na actualidade no desenvolvemento do plan de mellora e acondicionamento de fontes e lavadoiros no territorio de Cerdedo, que arrancou hai dous anos co obxectivo de reparar os vellos puntos de auga e lavado que presentan filtracións e deficiencias pola súa antigüidade e tamén para proceder á instalación de novos mananciais naqueles lugares onde sexan demandados polos veciños. Así, na actualidade estase a traballar nas infraestruturas de Milladoiro e Framil, ambas na parroquia de Folgoso, Limeres (Cerdedo) e Quireza.

Actualmente, estes traballos remataron co acondicionamento e reparación do coxunto de fonte e lavadoiro de Milladoiro e céntranse nestas datas na dotación de auga á fonte de Quireza, que estaba completamente seca, e na construción de bases de formigón para a instalación de novas fontes en Framil e Limeres.

Todas estas tarefas están a ser realizadas por algúns dos operarios da brigada municipal de Obras, xa que os restantes están a traballar noutras tarefas básicas de mantemento, como a limpeza de urbanizacións ou a mellora e reparación do alumeado público, entre outras cuestións.

O vicepresidente de Cerdedo-Cotobade, José Balseiros, explicou que o desenvolvemento deste plan específico para o arranxo de fontes e lavadoiros “pretende mellorar as condicións de vida dos administrados, xa que a realización destas pequenas obras, nas que nos estamos a centrar na actualidade, son de gran utilidade para os veciños”. “Cremos que é importante que se actúe nestes servizos de auga, e así nolo agradecen os cidadáns, e por iso temos pensado ir actuando pouco a pouco nas distintas parroquias”, explicou Balseiros.

Deja un comentario