+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Decembro de 2018

Mos plantexa un novo enfoque de prevención do consumo de drogas entre a mocidade


O proxecto ‘Non te Consumas’ amosoulle ao alumnado do Instituto mosense o amplo abano de alternativas saudables que teñen ó seu alcance

A prevención de drogodependencias e condutas aditivas no eido local é unha prioridade da concellería mosense de Educación e Participación Cidadá e do Concello de Mos, por iso se celebrou no Multiusos das Pozas unha xornada escolar de educación cidadá para a prevención do consumo de drogas dirixida aos alumnos e alumnas do IES de Mos e á que tamén asistiron a alcaldesa, Nidia Arévalo, e a edil de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón.

Tratouse dunha xornada abordada cun novo enfoque de prevención e titulada ‘Non te Consumas’. Durante a mesma os mozos e mozas presentes escoitaron relatorios e participaron en obradoiros sobre alternativas saludables ás drogas.
Participaron un total de 221 alumnos de 2 º e 3º cursos da ESO do IES de Mos nesta nova iniciativa de educación cidadá para a prevención do consumo de drogas organizada pola concellería de Educación do Concello de Mos.
‘Non te consumas’ é un proxecto no que colaboran entidades como a Asociación Érguete e o Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo, achegando profesionais e testemuñas de usuarios a esta experiencia.
Na primeira parte da mañá os mozos viviron dunha forma diferente os perigos e as consecuencias do consumo de drogas a través da exposición directa e testemuño de persoas cuxas vidas se viron condicionadas polo consumo abusivo de substancias. Os relatorios estiveron a cargo da Asociación Érguete e o CIS de Vigo.
O resto da xornada os escolares realizaron unha serie de obradoiros simultáneos: Primeiros Auxilios relacionados co consumo de drogas, Culturas Urbanas, Rap e cócteles saudables impartidos pola agrupación de voluntarios de Protección Civil de Mos, a escola de música e danza Maison e o hosteleiro e cocteleiro profesional Víctor Manuel Márquez, respectivamente.
Estas actividades teñen por obxectivo mostrar a mozos e mozas en idades de risco de inicio de consumo, estilos de vida saudables e alternativas de lecer sen uso de drogas.
Tamén, con esta iniciativa trátase de implementar un novo concepto de programa educativo, dirixido á poboación escolar máis atractivo e efectivo na prevención do consumo de drogas.
Esta actividade finánciase con cargo á unha liña de subvencións da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e á que, neste caso, presentouse un proxecto conxunto entre os Concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas.

Deja un comentario