+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Xaneiro de 2020

Moreira continuará profundando nas posibilidades que ofrece o edificio do Banco de España


“Os sindicatos coinciden con nós en que o gasto de 2 millóns de euros nun novo local é un erro”

Tras constar o rexeitamento unánime dos representantes sindicais do Concello de Pontevedra á compra dun novo local para albergar dependencias municipais, o portavoz dos populares, Jacobo Moreira, comprométese a seguir profundando na alternativa que ofrece o edificio do Banco de España.
Así o anunciou o edil popular durante a reunión que mantivo este venres, xunto co concelleiro popular, José Luis Martín, cos representantes sindicais na que puido coñecer de primeira man as opinións dos propios empregados municipais.
“Trátase dun gran erro tal e como o vimos denunciando nos últimos días. Unha valoración coa que coinciden os representantes sindicais xa que en ningún caso se vai dar solución aos problemas de dispersión existentes actualmente”, sinalou Jacobo Moreira. “A opción ideal é un edificio que congregue todos os servizos”, manifestou o portavoz dos populares quen insiste en que “seguirá explorando as posibilidades que ofrece o antigo Banco de España ao ser un espazo contiguo a Michelena 30”. Así, o edil popular lles trasladou a opción das dúas plantas neste inmoble como alternativa en lugar de mercar un novo local que no futuro se converterá nunha carga para o Concello .
Con todo, “resulta sorprendente que o Goberno de Lores non tivera consultado cos funcionarios a súa intención de gastar 2 millóns de euros nun novo local municipal”, sentenciou Jacobo Moreira ao termino do encontro.

Deja un comentario