+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación verifica que o afundimento no vial de As Sinas foi provocado por unha filtración da rede de saneamento municipal


O ente provincial realizará unha valoración de danos e de custes que lle será remitida ao Concello de Vilanova
O socavón que apareceu fai dous días no vial de As Sinas foi provocado debido a unha filtración da rede municipal de saneamento. Así o verificaron os técnicos do departamento de Mobilidade, que xa procederon a iniciar a súa reparación. O afundimento do firme neste punto foi causado, concretamente, a partires dun pozo de rexistro que presentaba danos e que estivo producindo filtracións á plataforma da estrada. Esta filtracións foron realizando un lavado de finos que finalmente deron lugar ao mencionado socavón.
Unha vez se verificou a orixe do afundimento, o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, lamentou “que o Concello non teña en bo estado a súa rede de saneamento, que foi o que provocou esta incidencia”. Nestes momentos, desde o departamento de Mobilidade xa se iniciou a reparación do socavón, que rematará nos vindeiros días coa reposición do firme. Ademais, desde o ente provincial procederase a realizar unha valoración económica dos danos e dos custes derivados desta incidencia que lle será remitida ao Concello de Vilanova, como titular da rede.
Desde a aparición do afundimento na estrada de titularidade provincial EP-9702, que une o centro urbano de Vilanova de Arousa con As Sinas, o pasado martes, os técnicos procederon a estudar a causa do problema para poder acometer a súa correcta reparación. Ao proceder ao exame técnico da zona, comprobaron claramente que era o pozo de rexistro situado xusto a carón do socavón o que presentaba as deficiencias de mantemento mencionadas e que finalmente remataron por afundir o firme da estrada.

Deja un comentario