+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

A historiadora e antropóloga Andrea Fernández Vilela, abrirá a Semana das Ciencias de Ponteareas


Entre o 24 e o 29 de abril, Ponteareas acollerá conferencias e actividades encamiñadas a achegar a ciencia, de xeito doado, á cidadanía e aos escolares

O vindeiro luns, 24 de abril, ás 18:45 h, a Sala de Usos Múltiples do Auditorio Municipal de Ponteareas, acollerá o acto inaugural da segunda edición da Semana das Ciencias, unha iniciativa da concellería de Ensino que busca “desmitificar” a ciencia e achegala á cidadanía e aos escolares do municipio.
A inauguración desta semana das ciencias correrá a cargo do alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e da concelleira de Ensino, Cristina Fernández. Deseguido, ás 19 horas, terá lugar a conferencia inaugural que correrá a cargo de Andrea Fernández Vilela, historiadora e máster en Antropoloxía Física, que falará sobre A antropoloxía física dentro do ámbito científico.
Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Prehistoria, Historia Antiga, Arqueoloxía e Patrimonio, Andrea Fernández cursou o máster de Antropoloxía Física: evolución e diversidade humanas, das universidades Autónoma de Madrid e Complutense de Madrid e Alcalá. Participa de xeito habitual en campañas de escavación arqueolóxica en Prehistoria dende o ano 2006.
Logo do éxito da primeira edición da Semana das Ciencias, a iniciativa busca “consolidarse e facer de Ponteareas un referente na celebración deste tipo de actividades que busca, fundamentalmente, achegar á ciencia á cidadanía”, explica Cristina Fernández.
Nese sentido, a primeira xornada amosou que a “denominada ‘fenda’ entre a sociedade e as ciencias non é tal, se somos quen de explicar esta de xeito rigoroso pero ao mesmo tempo divertido e ameno”.

Deja un comentario