+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Eva Vilaverde: “traballamos co obxectivo fundamental de mellorar a rendibilidade das explotación lácteas da provincia”


A deputada delegada de Finca Mouriscade clausurou as xornadas ‘Xenómica e podoloxía’ que tiveron lugar nas instalacións do laboratorio en colaboración con CONAFE

Desenvolver a avaliación xenómina de eficiencia enerxética na raza frisoa, a través de ensaios en xovencas e vacas do rabaño de Finca Mouriscade, é o obxecto do acordo de colaboración que veñen de asinar Deputación e CONAFE. Así o anunciaron esta mañá a deputada delegada de Mouriscade, Eva Vilaverde, e a xefa de servizo, María Hermida, no transcurso da xornada técnica ‘Xenómica e podoloxía’, que tivo lugar esta mañá nas instalacións do laboratorio en colaboración coa Confederación de Asociaciones de Frisona Española. “A ninguén se lle escapa que a estas alturas o xenotipado do gando xoga un papel imprescindible para traballar na mellora e aumento da súa produtividade e polo tanto na rendibilidade das explotacións” indicou Eva Vilaverde durante a súa intervención. A deputada fixo fincapé en que “froito da demanda do propio sector, xorde o convenio con CONAFE para aproveitar mutuamente a información dos ensaios que se van realizar na gandaría de Mouriscade e aproveitar a avaliación xenómica de eficiencia enerxética”.
Mediante o acordo asinado entre o ente provincial e a confederación a nivel estatal, realizaranse 4 ensaios ao ano, de 12 semanas de duración cada un, que estudarán a capacidade de inxesta de cada animal. Estes ensaios inclúen, entre outra información, datos sobre o consumo diario de cada animal, a produción de leite diaria, así como a porcentaxe de graxa, proteína e lactosa semanal. Ademais, CONAFE asumirá o custo da instalación do software e das ferramentas cornadizas necesarios, e comprométese a xenotipar os animais obxecto dos ensaios e de realizar a súa avaliación xenómica.
Na xornada ‘Xenómica e podoloxía’, á que asistiron medio cento de gandeiros da comarca do Deza e Tabeirós e doutros lugares da provincia, incluíu no programa intervencións do equipo técnico de CONAFE e de SERAGRO, que abordaron relatorios ao redor das aplicacións prácticas do xenotipado nas explotacións e dos programas para mellorar a saúde podal e previr coxeiras nos animais. Dúas cuestións, en palabras de Eva Vilaverde “de grande interese para as gandarías, posto que tratan o aumento da produtividade en base á investigación e aos avances en xenómica, e tamén un problema recorrente nas explotacións intensivas, como é a mellora da saúde podal nos animais”.
Por último, a deputada emprazou aos asistentes a que “nos trasladedes as vosas suxestións para implantar servizos e programas que realmente sexan útiles para o sector”. E engadiu “para nós este sector segue a ser un sector estratéxico, termo que para esta administración non é un concepto oco, senón unha posición de reivindicación das persoas e das cooperativas que loitades pola nosa economía e polo desenvolvemento do rural”.

Deja un comentario