+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Tonucci percorre Cambados e O Grove e aconsella aplicar o modelo Pontevedra adaptado á personalidade de cada concello


 

O pedagogo italiano coñeceu o traballo desenvolvido polos gobernos locais para recuperar as vilas para os veciños e veciñas e tamén para crear camiños escolares

O pedagogo italiano Francesco Tonucci, da man do vicepresidente provincial César Mosquera e do deputado de Mobilidade Uxío Benítez, percorreu a comarca do Salnés visitando os concellos da comarca adheridos á rede de cidades dos nenos e das nenas creada polo investigador. Na súa visita subliñou o traballo que, na medida das súas posibilidades, están a realizar estes concellos para recuperar as vilas para os veciños e veciñas e aconsellou tomar como referencia o modelo de cidade de Pontevedra, adaptándoo sempre ás súas características particulares e á personalidade de cada vila para facer que a aposta funcione e os espazos públicos volvan ser realmente para as persoas. “Copiar non é bo, inspirarse é o axeitado”, subliñou.

Na visita a Cambados Tonucci foi recibido pola alcaldesa e por parte da Corporación na Casa Consistorial, para despois realizar un xantar de traballo e facer un percorrido pola vila, camiñando pola zona histórica. Tonucci coñeceu a situación da praza de Fefiñáns e destacou a súa beleza, subliñando a súa sorpresa polo tránsito continuo de coches.

Ao continuar a tarde o pedagogo trasladouse ao Concello do Grove, onde tamén foi recibido polo alcalde e pola concelleira de Educación, quen explicou o traballo que se está a realizar para a implantación de camiños escolares. Tonucci recoñeceu que a aposta polos camiños escolares é un principio para fomentar que os pequenos e pequenas vaian sós á escola, como paso previo á creación dunha cidade axeitada para que se desenvolvan de xeito autónomo en todos os espazos públicos. Así mesmo, o alcalde Cacabelos explicou que a intención do goberno local é a de peonalizar algunhas das rúas da vila e retirar os coches para ganar así espazos para a veciñanza.

Estas visitas institucionais no Salnés foron precedidas do encontro no CEIP Viñagrande-Deiro de Vilanova de Arousa, onde Tonucci coñeceu o proxecto educativo que se está a desenvolver dende hai dous anos coa actual comunidade docente. O director do centro explicou que as actividades do colexio están moi baseadas na filosofía do pedagogo italiano: todos os días os alumnos e alumnas desenvolven actividades psicomotrices a primeira hora, pasan despois á aula de aprendizaxe lúdica e dispoñen de contextos de aprendizaxe diferentes. Estas actividades realízanse con grupos de nenos de idades misturadas (3-4, 5-6, 7-8…).

Tonucci destacou todas estas cuestións salientando a importancia da actividade física, xa que as investigacións demostran que os nenos que chegan á escola camiñando, por exemplo, teñen un nivel de atención máis alto. “Iso é un punto a favor da vosa escola”, subliñou, para engadir un novo punto positivo: o feito de que nenos e nenas con idades diferentes convivan nunha mesma aula, que considera unha cuestión de diversidade. Finalmente, Tonucci destacou o feito de que as actividades se desenvolvan en espazos especializados e diferenciados con respecto ás aulas tradicionais.

Deja un comentario