+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Maio de 2018

O Plan de Emprego Municipal chega xa ás 181 persoas previstas


Carlota Román revela que un 42% das persoas becadas no mesmo programa durante o ano pasado acadaron a inserción laboral

A Concellería de Promoción Económica recibiu hoxe aos últimos 51 parados/as pontevedreses que se incorporan este ano ao Plan de Emprego Municipal. Con eles serán, finalmente, 181 persoas as que gozarán das becas de traballo en empresas auspiciadas dende o departamento que dirixe Carlota Román.
A concelleira foi a encargada de dar a benvida a esta quenda e destacou o esforzo municipal por ofrecer un programa destas características, a pesar de que a Administración local carece de competencias, e por tanto de transferencias económicas, neste eido.
A primeira quenda, composta por 100 persoas desempregadas comezou as súas becas a finais de novembro pasado. Posteriormente, incorporáronse outras 30 persoas, con maior nivel de titulación e especialización, para as que resultou algo máis complexo atopar empresa. Agora, con estas últimas 51 persoas complétase a capacidade prevista.
Cada persoa becada percibirá 375 euros mensuais, que asume integramente o Concello xunto coas cotizacións sociais, por unha prestación a media xornada de catro horas, en horario de mañá ou tarde, e de luns a venres. A duración é de tres meses. Ao non ter carácter de contrato laboral, as becas son compatibles coa prestación por desemprego.
O investimento municipal no programa é de 210.000 euros, que saen da previsión orzamentaria de 150.000 euros, xunto co incremento doutros 60.000 euros incluídos na modificación de crédito aprobada o pasado mes de setembro.
Carlota Román explicou que as becas laborais comezaron a ofrecerse no Concello durante o pasado ano con 77 prazas. Un programa, recalcou a concelleira, que ofrece postos dentro do propio municipio de Pontevedra, na gran maioría dos casos, e que o pasado ano tivo o aval de que 33 persoas (un 42% do total) asinaron, despois do período de tres meses, un contrato laboral coa mesma empresa. O éxito, destacaron os técnicos municipais débese en boa parte ao proceso de selección tanto dos traballadores como das propias empresas. Moitas delas, engaden, xa teñen relación anterior co Concello no marco do programa municipal ILES e colaboran habitualmente no Pacto de Emprego Local.
De feito, outras 105 persoas están estes días realizando prácticas en empresas unha vez completada a súa formación teórica no marco do programa ILES. O total, por tanto, de persoas que realizan actividade laboral remunerada gracias á iniciativa da Concellería de Promoción Económica é de 286.

Deja un comentario