+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Agosto de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Tonucci: “os nenos e as nenas debedes atrevervos a dicirlles aos políticos aquilo que pensades e eles deben ter en conta a vosa opinión”


 

O pedagogo italiano reuniuse con alcaldes e representantes dos concellos adheridos á rede de cidades dos nenos e nenas no Sur da provincia de Pontevedra

O pedagogo italiano Francesco Tonucci segue a percorrer Pontevedra da man da Deputación e mantivo un xantar de traballo cos alcaldes e representantes municipais dos concellos adheridos á rede de cidades das nenas e nenos no Sur da provincia. A cita, organizada pola institución provincial no concello de Tomiño, contou coa presenza da propia alcaldesa de Tomiño e dos alcaldes de A Guarda, Nigrán, Salceda de Caselas, Ponteareas e As Neves, ademais do concelleiro de Deportes de Arbo que, xunto ao deputado de Mobilidade Uxío Benítez, intercambiaron propostas e debateron sobre a necesidade de redeseñar as vilas para que sexan aproveitadas pola veciñanza en lugar de polos coches. Tamén se puxo sobre a mesa a proposta de que os políticos atendan as reclamacións dos pequenos e pequenas das súas vilas.

Unha vez máis Tonucci insistiu en que a súa filosofía está centrada nos nenos e nenas como paradigma, xa que é “evidente” que os espazos públicos deseñados para eles son válidos para calquera outro cidadán. “Dicir que un espazo público debe ser deseñado para os nenos é nenos non é máis que dicir que debe ser válido para todos, porque na vida dos nenos tamén están os adultos que os acompañan”, subliñou ante todos os alcaldes. Así mesmo, o pedagogo animou aos rexedores a ser valentes á hora de aplicar a súa filosofía e instou a ter como referente, “non a copiar”, o traballo feito na cidade de Pontevedra.

Visitas
A xornada comezou no concello de Ponteareas, onde foi recibido polo alcalde e a concelleira de Educación na Praza do Mercado. Dende alí percorreu o camiño cara o concello pasando pola Praza Maior, onde quedou sorprendido pola existencia de cartaces contrarios á peonalización total do espazo promovida dende o goberno local. O propio Tonucci subliñou a necesidade de evidenciar que os comerciantes que protestan por esa recuperación do espazo son unha minoría e instou aos que consideran que foi unha decisión correcta -a maioría da veciñanza- a mostrar tamén a súa visión do mesmo xeito. “Seguro que os nenos e nenas estarían encantados de facer eles mesmos algún cartel dicindo ‘Máis nenos e menos coches”, apuntou.

Unha vez na casa consistorial de Ponteareas, acompañado de varias ducias de pequenos e pequenas, participou na apertura da exposición organizada polo concello sobre os plans de remodelación urbana que pretende realizar grazas aos fondos Edusi, que contan co asesoramento do departamento de Mobilidade da Deputación -dirixido por Uxío Benítez- para estudar a mobilidade da vila.

Posteriormente, Tonucci trasladouse a Tomiño, onde xunto á presidenta da Deputación Carmela Silva, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez e á corporación municipal inaugurou as novas instalacións do salón de plenos. O investigador foi recibido por un cento de alumnos dos diferentes colexios do municipio, que agradeceron a súa visita, e destapou unha placa conmemorativa.

Despois de escoitar aos pequenos o pedagogo manifestou sentirse emocionado pola honra de poder inaugurar xunto a eles o salón de plenos, o que cualificou de “símbolo”. “Este é o lugar da democracia, a praza onde se toman as decisións. Os políticos pídenvos se estades dispostos a axudar e eu vouvos dicir como podedes facelo: Non tendo medo, atrevéndovos a dicir o que pensades. O que os nenos pensan hai quen di que non vale moito, pero é o contrario”, subliñou.

Neste sentido, Tonucci lembrou varios dereitos recollidos na Convención dos Dereitos do Neno da ONU (1989): o artigo doce, referido a que os nenos teñen dereito a expresar as súas opinións cada vez que se toman decisións que os afecten, e o artigo 31, que recolle o seu dereito ao xogo. “Non sei que decisións poden tomar os adultos sen que afecten aos nenos e nenas, penso que afectan sempre, por iso as autoridades teñen que ter sempre en conta as súas opinións”, finalizou.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación asegurou, unha vez máis, o seu orgullo por seguir acompañando “ao amigo Tonucci” no seu percorrido pola provincia e subliñou que “non hai mellor forma de inaugurar un salón de plenos que que estea cheo de rapaces e rapazas, xa que alí é onde reside a soberanía popular”.

Deja un comentario