+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xaneiro de 2018

O Partido Popular pide á Deputación melloras na estrada provincial entre Rodeiro e Vilela


Luis López di que o paso do tempo e a falla de conservación da estrada provocou que tanto o firme, como a sinalización e mesmo o trazado da vía non estean nas mellores condicións para garantir a seguridade viaria nesta zona
O Partido Popular reclamará mañá no pleno da Deputación de Pontevedra a mellora da seguridade vial na estrada provincial EP-6201 entre Rodeiro e Vilela. Así o explicaron esta mañá os deputados populares, Ramiro Varela e Belén Cachafeiro, que xunto co alcalde de Rodeiro, visitaron a vía para comprobar o seu deterioro.

Os populares pedirán un proxecto de mellora da seguridade viaria para arranxar a estrada, pero tamén esixirán que contemple a retirada do actual aglomerado mediante fresado nos núcleos de Río e A Ermida, de forma que se eviten os asolagamentos das propiedades situadas ao pé da estrada.

O deputado Ramiro Varela sinalou que, desde que o Bipartito PSOE-BNG asumiu o goberno provincial, o abandono das estradas provinciais é unha realidade, e consecuencia desta desidia é o estado que presentan.

Este é o caso da estrada Rodeiro-Vilela, unha das máis importantes e concorridas do municipio, non só porque comunica entre si diferentes núcleos de poboación, senón tamén porque é a principal vía de entrada e de saída entre Rodeiro e a provincia de Lugo. Segundo explicou o alcalde, esta estrada dá cobertura á zona norte do concello, que alberga aproximadamente ao 60% do tráfico rodado que hai no termo municipal.

Ademais, Luis López, expuxo que o paso do tempo e a falla de conservación da estrada provocou que tanto o firme, como a sinalización e mesmo o trazado da vía non estean nas mellores condicións para garantir a seguridade viaria nesta zona, tendo en conta, ademais, que a estrada discorre ao longo do Val de Camba, onde se asentan multitude de explotacións gandeiras que xeran un tráfico engadido de vehículos pesados e de maquinaria agrícola.

Así, lamentou que o actual Bipartito da Deputación eliminase o plan de mantemento para as estradas provinciais, que no anterior mandato permitiu mellorar no concello o asfalto e as condicións doutras estradas que estaban aínda máis deterioradas que a EP 6201.

Luis López sinalou que xa pediu ao Bipartito a principios de 2016 que actuasen sobre esta estrada provincial, pero a día de hoxe non obtivo ningunha reposta.

Deja un comentario