+034 986 09 02 04 Xoves 03 de Decembro de 2020

As catro zonas de baño fluvial do concello volven ter un nivel excelente na calidade das augas


Carballedo, Pozo Negro, Viascón e Xesteira presentan as mellores condicións para o baño ante a apertura da tempada o vindeiro luns

O Concello de Cerdedo-Cotobade volve liderar un ano máis a oferta de áreas recreativas e zonas de baño fluvial da comunidade galega con catro puntos habilitados para esta práctica e ademais todos eles veñen de obter un nivel “excelente” na calidade das súas augas, segundo os datos oficiais de mostraxe publicados pola Dirección Xeral de Saúde Pública ante o inminente inicio da tempada.

O municipio conta con catro puntos específicos e oficiais de baño fluvial situados na praia de Carballedo (río Almofrei), a área do Pozo Negro en Rebordelo (río Almofrei), a contorna de Viascón (río Cabanelas) e o espazo recreativo de Xesteira (río Almofrei). Todos eles contan con caudais de características continentais e, como é costume, volven obter a máxima puntuación na clasificación sanitaria elaborada pola Xunta.

Deste xeito, as zonas de baño oficiais, e moitas outras oficiosas empregadas por moitos veciños e visitantes e que contan con merecida sona, presentan as mellores condicións para o baño ante o inicio da tempada, prevista para o vindeiro luns 1 de maio. Nesta data agárdase a presenza de bastante xente nas áreas recreativas de Cerdedo-Cotobade ao tratarse dunha data festiva, aínda que todo dependerá da climatoloxía.

O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción pola ampla oferta de baño fluvial do municipio e tamén por repetir os máximos parámetros de calidade nas augas. “A nosa preocupación polo noso medio ambiente non só é unha frase que soemos dicir, senón que hai moito traballo detrás dela e a proba da mesma vese cada ano cando saen datos coma este, que revelan que os nosos ríos están en perfectas condicións”, manifestou.

Finalmente, anunciou que nas vindeiras semanas efectuaranse labores de limpeza e acondicionamento das principais zonas de baño e áreas de lecer, xa que en principio non se agarda que se produza ningún fenómeno climatolóxico adverso que podería estragar este traballo e ademais non ten sentido adiantar esta labor cando aínda non se comezaron a utilizar estas piscinas naturais.

Deja un comentario