+034 986 09 02 04 Martes 18 de Febreiro de 2020

O Concello busca garantir o abastecemento de auga con dous novos depósitos en Tomonde e Folgoso


O plan estenderase, coa construción de máis depósitos, a Vilalén, Tresaldeas, Quireza, Framil, Peniñas, Meilide e Cavenca-Revolta

O Concello de Cerdedo-Cotobade está buscando garantir o abastecemento e subministro de auga a todos os veciños e por iso puxo en marcha recentemente un Plan de Melloras para o Almacenamento de Auga que xa dou, como primeiros froitos, a construción de novos depósitos en Tomonde e Folgoso. Esta iniciativa, que se prevé de gran importancia para o verán ante a seca destes últimos meses, vaise estender a outros puntos do municipio, xa que está prevista a creación doutros sete puntos de depósito en Vilalén, Tresaldeas, Quireza, Framil, Peniñas, Meilide e Cavenca-Revolta.

O goberno local, que adicou un investimento duns 90.000 euros á construción destes dous primeiros depósitos, efectuou en primeira instancia un estudo de arquitectura e enxeñería para garantir o subministro das aldeas e parroquias, xa que moitos dos depósitos presentaban deficiencias polo paso do tempo e padecían roturas e perdas de auga.

Posteriormente, celebráronse reunións veciñais para decidir a ubicación máis acaída para os novos depósitos, que serán complementarios dos antigos. Estes manteranse en funcionamento para atender posibles urxencias e que haxa unha dobre alternativa de abastecemento.

As novas infraestruturas contan con características comúns e están construídas en formigón con dúas cámaras de almacenamento que dispoñen de chaves de paso independentes para a realización das tarefas de vacíado ou limpeza.

Finalmente, esta actuación completarase coa mellora e ensanchamento das pistas de acceso a estes novos depósitos co propósito de facilitarlle a chegada aos veciños para que poidan acometer con comodidade as labores de limpeza dos mananciais.

Deja un comentario