+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Xuño de 2018

A Xunta lembra as accións en materia de atención á infancia e conciliación nas II Xornadas de Educación da Estrada


A titular autonómica fixo referencia ás prazas públicas en escolas infantís, ás axudas para a mellora das escolas das entidades privadas de iniciativa social e ao Bono coidado

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, clausurou as II Xornadas de educación na Estrada deseñadas como un espazo de diálogo e entendemento sobre a educación destinadas á comunidade escolar.

Durante a súa intervención, a titular autonómica, lembrou que a atención á infancia e o apoio ás familias é unha das liñas estratéxicas da Xunta de Galicia. Neste ámbito, a Consellería de Política Social veu traballando na consolidación, mellora e ampliación dos recursos de atención á infancia, incrementando o seu número e poñendo á disposición das familias un maior número de prazas a través do Programa de Apoio á Natalidade (PAN).

Unha das liñas de acción do PAN, diríxese á constitución dunha rede galega de centros de educación infantil 0-3 sostidos con fondos públicos como recurso educativo e de prestación de servizo ás familias galegas, na que o papel das entidades privadas de iniciativa social é fundamental. Deste xeito, a rede de escolas infantís dependentes de xeito directo da Xunta de Galicia, contará no vindeiro curso cun total de 166 escolas nas que se ofertarán 9739 prazas públicas. Tendo en conta tamén as prazas sostidas con fondos públicos a cifra chega ás 22.439. “O que buscamos é responder ás expectativas e necesidades de conciliación da vida persoal e familiar dos pais e nais e, ao mesmo tempo ofrecer aos nosos nenos e nenas unha educación accesible e de calidade que contribúa ao seu desenvolvemento afectivo, psicolóxico e físico”, explicou Amparo González.

Así mesmo, fixo referencia á próxima convocatoria de axudas para que as entidades privadas de iniciativa social realicen actuacións de adecuación e mellora das escolas infantís de cero a tres anos da súa titularidade a través da realización das obras menores e da compra do equipamento preciso. A convocatoria estará dotada con 625.000 euros.

A titular autonómica, ao fío da preocupación da Administración autonómica por lograr unha conciliación efectiva que dea resposta ás necesidades das familias, finalizou a súa intervención aludindo ao Bono coidado, unha axuda económica dirixida a familias con nenos e nenas entre cero e tres anos que contribúe ao pagamento de servizos de atención a domicilio en supostos puntuais como poder ser enfermidade do neno ou da persoa que o coida habitualmente.

Deja un comentario