+034 986 09 02 04 Mércores 18 de Xullo de 2018

O concello de Bueu organiza tres rutas turísticas e deportivas por lugares da provincia


A primeira das andainas terá lugar o 13 de maio e as inscricións ábrense este mércores
A concellaría de deportes de Bueu organiza tres rutas por diversos enclaves turísticos da provincia de Pontevedra, co obxectivo de dar a coñecer a nosa contorna e fomentar hábitos saudables. En total vai haber cincuenta prazas para cada unha das rutas e teñen preferencia as persoas empadroadas en Bueu.
O 13 de maio comezará o roteiro polo río Eifonso, situado entre Mourelle e Bembrive, e que abarca 5 quilómetros. As inscricións ábrense este mércores e teñen un custe de 5 €.
O 27 de maio, os participantes visitarán o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro e o río Maneses. As inscricións para esta estarán operativas desde o 15 de maio por un custe de 5 €.
A última delas será o 10 de xuño e percorrerá a illa de Cortegada e Arousa, durante toda a xornada. Para esta, as inscricións poderán realizarse a partir do 29 de maio cun custe de 6 €.
Inscricións
O pagamento dos prezos públicos deberá facerse por adiantado previa solicitude do documento de autoliquidación na Oficina de Xestión Tributaria. Unha vez feito o pago en calquera das entidades bancarias que figuran ó dorso do documento, deberá presentarse o xustificante de pagamento no Servizo de Deportes do Concello. A inscrición na actividade non será efectiva mentres non se presente o dito xustificante.

Deja un comentario