+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Xaneiro de 2018

O PP lamenta que as disputas entre PSOE e BNG lastren a situación da Rúa a Concepción Areal, na Guarda


Nidia Arévalo critica que “este é un exemplo claro do ritmo desta nova Deputación, hai 20 meses que os veciños están esperando unha solución que non chega”
O Partido Popular critica que a rúa Concepción Areal, na Guarda, está cada vez nun estado máis lamentable, cun deterioro evidente provocado pola falta total de mantemento. A voceira do grupo provincial, Nidia Arévalo, e o deputado Julio Alén, visitaron a rúa acompañados pola voceira local do partido, Conchi Ortega. Lamentaron que, a pesar de que hai máis de ano e medio desde que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, se comprometeu en público a mellorar esta estrada, “a día de hoxe non hai data para as obras e os veciños continúan padecendo problemas de seguridade vial neste acceso ao Porto”.

“Os usuarios teñen que esquivar cada día socavóns e os peóns interpretar onde están os pasos para cruzar a vía. Hai falta de seguridade e moitos problemas de tráfico nunha das principais arterias do concello”, denuncia Conchi Ortega. Para os populares, as disputas internas que hai entre PSOE e BNG sobre o que queren para esta concurrida rúa, están lastrando a súa situación. “Hai máis de ano e medio desde que comprometeron a mellora desta estrada, e neste tempo, nin deron pasos para executar o proxecto, nin houbo nin unha soa tarefa de mantemento xustificándose no inicio de unhas obras que non chegan”, critica a voceira local. Nidia Arévalo apunta que “este é un exemplo claro do ritmo desta nova Deputación, xa pasaron 20 meses e os veciños continúan esperando unha solución que non chega, pero o peor de todo, é que esta estrada está cada día máis deteriorada”. Por iso, entende, “é fundamental que non perdan nin un minuto máis e se responsabilicen do seu mantemento mentres solucionan as súas desavinzas internas sobre o proxecto, porque coa súa inoperancia están prexudicando aos veciños da Guarda”. Nidia Arévalo esixe a Carmela Silva “que cumpra a súa palabra e o seu compromiso. Hai miles de testemuñas que escoitaron a súa promesa en 2015 durante o pregón das Festas do Monte, as mesmas que a día de hoxe comproban o seu incumprimento e falta de xestión”.

Deja un comentario