+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

O xadrez faise grande en Mos


Dous xogadores do Club Xadrez Mos, Carla Ramírez e Xabier Pérez, proclamáronse campioa e subcampión galegos, respectivamente

Celebrouse no Concello de Mos a recepción aos xadrecistas Carla Ramírez Senlle, Campioa Galega de Xadrez sub 12 (Categoría Feminina) e Xabier Pérez Sousa, Subcampión Galego de Xadrez sub 10 (Clasificación Xeral).

Estiveron presentes, ademais dos deportistas galardoados, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Alberto Méndez, tenente alcalde e concelleiro de Deportes, e demais membros da Corporación Municipal mosense.

Dende o 8 de abril e ata o 11 de abril disputáronse os Campionatos Galegos de Xadrez por idades no Hotel Scala, na localidade de Padrón nos que a mosense Carla Ramírez Senlle presentouse á categoría sub12 (menores de 12 anos). Carla xa fora campioa da provincia de Pontevedra nos campionatos provinciais o pasado mes de xaneiro, nesta mesma categoría sub12. E proclamouse Campioa Galega en Padrón, finalizando na clasificación xeral no posto 12 de 101 participantes e na clasificación feminina, finalizando como campioa.

Ramírez é unha xogadora veterana do Club de Xadrez Mos. Leva no club desde a súa creación. E estes resultados, tanto o título de mellor xogadora de Pontevedra de menos de 12 anos, coma o título de Campioa Galega sub12, son o froito de anos de traballo.

Ademais de Carla, 3 xogadores do Club finalizaron entre os 20 primeiros clasificados nos Campionatos Galegos de Xadrez: Gabriel González Romero finalizou 10º de 101 xogadores, Xabier Pérez Sousa finalizou 13 de 101 xogadores e Pablo Losada Pérez finalizou 19 de 101 xogadores. Todos eles son xogadores que levan no Club Xadrez Mos dende a súa creación.

O título de Campioa Galega de Carla, ábrelle as portas a esta mosense para disputar o Campionato Nacional sub12, o próximo verán en Salobreña, Granada. Ramírez Senlle está becada pola Federación Galega de Xadrez ao proclamarse campioa da comunidade. Representará ao Concello de Mos a nivel nacional, xunto con Xabier Pérez Sousa, que tamén o fará en categoría sub10.

Pola súa banda Xabier Pérez Sousa disputou en Viveiro, Lugo, o pasado mes de febreiro, concretamente os días dende o 25 ata o 28, a fase final dos Campionatos Galegos de Xadrez, categorías Sub10, Sub14 e Sub18. Fase Final á que poden acceder xogadores/as que xogasen os campionatos provinciais da súa correspondente provincia, ou xogadores/as con ránking Fide.

O Club Xadrez Mos tivo a honra de contar cun dos seus xogadores no podio. Na Fase Final da categoría Sub10 (xogadores de 10 anos ou menos), o xogador Xabier Pérez Sousa proclamouse subcampión galego, empatado a puntos co campión. O devandito resultado daralle a posibilidade a Pérez Sousa de acudir aos campionatos nacionais, representando ao Club Xadrez Mos, becado pola Federación Galega de Xadrez. Os campionatos nacionais disputaranse o vindeiro mes de xuño en Granada.

O éxito de Xabier e de Carla é a punta do iceberg dun proxecto cada día máis consolidado. Dun maior número de xogadores afeccionados ao xadrez no Concello de Mos, que co apoio do Club Xadrez Mos poden profundar no seu interese por este deporte. O subcampionato galego non é froito da casualidade, senón da preparación de cada semana, tanto na escola de xadrez, como competindo na Liga Galega por Equipos, na cal representan, do mesmo xeito que moitos compañeiros e compañeiras, ao Club Xadrez Mos.

Deja un comentario