+034 986 09 02 04 Venres 14 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Deputación e concello de Barro reparten os seus primeiros 700 quilos de compost do Plan Revitaliza entre a veciñanza e a escola infantil


 

A deputada Eva Vilaverde parabenizou ao alcalde Abraldes por apostar pola compostaxe como sistema de tratamento de lixo

O concello de Barro foi hoxe o protagonista do Plan Revitaliza da Deputación: entregouse por primeira vez á veciñanza un lote de compost producido no centro de compostaxe comunitaria instalado nas inmediacións do Concello e tamén se levou unha partida á Escola Infantil para fertilizar un xardín. No acto estiveron a deputada de Areeiro, Eva Vilaverde; o alcalde Xose Manuel Fernández Abraldes e tamén o concelleiro Jose Sanmartín, quenes salientaron a importante colaboración e concienciación veciñal á hora de separar os residuos orgánicos que despois se tratan no composteiro: “Todo está a funcionar perfectamente”, salientaron.
A xornada comezou coa obtención duns 700 quilos de compost logo de que tres mestres composteiros da Deputación peneirasen o produto resultante de tratar unhas 3,6 toneladas de residuos orgánicos aportados entre setembro e novembro polos veciños e veciñas da contorna. Neses meses a materia orgánica que os cidadáns deixaron no composteiro foi pasando o proceso para convertirse en compost, pasando unha primeira fase de descomposición e logo de maduración ata chegar ao resultado final. A partir de agora, o composteiro irá producindo mensualmente unha partida.
Unha vez peneirado o compost e empaquetado en sacas e bolsas repartiuse entre os veciños que o solicitaron e boa parte del foi trasladado tamén ata a Escola Infantil de Barro, onde operarios municipais o espallaron nunha finca que se pretende converter en xardín e horta para os nenos e nenas do centro. Outra parte do compost será utilizado, segundo explicou Abraldes, nos xardíns municipais e, se a produción o permite e hai compradores interesados, estudarase a posibilidade da súa venda.
O rexedor manifestou durante o reparto de compost a aposta do Concello de Barro pola compostaxe como sistema de tratamento de lixo. Subliñou que ten importantes vantaxes tanto dende o punto de vista económico como ambiental, porque cada residuo orgánico que se trata no composteiro son cartos que se aforran ao non levar o lixo a Sogama e porque o tratamento mediante a compostaxe non produce tanta contaminación ao eliminar a incineración e o transporte. “O importante é que os veciños, que están informados, entenden que é algo positivo e están concienciados”, asegurou.
Neste sentido, subliñou que o Concello de Barro, de cara ao futuro, pretende ampliar a compostaxe tanto con novos centros de compostaxe comunitaria -noutras ubicacións en función do interés e demanda-, e tamén con composteiros individuais para aqueles veciños e veciñas que teñan unha horta propia e que, por tanto, poden facer compostaxe na súa propia casa.
A deputada de Areeiro Eva Vilaverde sinalou que por parte da Deputación o Plan Revitaliza e a compostaxe suponen unha aposta estratéxica que marca o camiño de futuro en relación ao tratamento de lixo. Por este motivo, parabenizou ao alcalde Abraldes por estar a traballar nesa dirección e tamén a todos os demais rexedores da provincia “que entenderon que este sistema de tratamento de lixo é cara ao que hai que ir”.

Deja un comentario