+034 986 09 02 04 Xoves 03 de Decembro de 2020

A primeira proba de selección dos Auxiliares de Policía Local será este luns


O Concello de Bueu vén de publicar a listaxe definitiva de admitidos/as e excluídos/as para a contratación de oito auxiliares de policía local e convoca aos setenta e sete aspirantes á celebración da primeira proba o vindeiro luns, 8 de maio, ás 9.00 horas da mañá no Estadio Municipal de Atletismo de Cangas, sito en Coiro.
Nela comprobarase a estatura e diversas aptitudes físicas. Concretamente realizaranse unha potencia tren inferior ou salto vertical e unha carreira de 1000 lisos coa que se comprobará a resistencia xeral. Posteriormente, desenvolveranse as probas de coñecementos, que consistirán nunha avaliación dos contidos do temario, unha proba específica sobre o termo municipal e a toponimia local, e unha proba de coñecemento da lingua galega.
En concreto, contrataranse catro auxiliares por un período de tres meses, dous auxiliares por dous meses, e outros dous auxiliares por un período de seis meses. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal elaborará unha proposta de contratación, e os aspirantes desenvolverán un curso de formación a cargo da Academia Galega de Seguridade Pública.
O temario sobre o que se terán que examinar os admitidos/as inclúe o municipio, ordenanzas, regulamentos e bandos, a Lei de coordinación de policías locais de Galicia, delitos e faltas, Lei de seguranza viaria, normas xerais de circulación, circulación por zonas peonís, a policía como servizo público, etc.
As bases completas e as listaxes poden consultarse na web municipal: www.concellodebueu.org .

Deja un comentario